“Señor Feixoo, non ten que arrepentirse –de ser o meu amigo–”

"Se lle chega a pasar a este señor algo así (a Alberto Núñez Feixoo), e eu estivese no seu sitio, o primeiro que diría é que é amigo meu". O preso arousán Marcial Dorado, condenado por narcotráfico, reprocha deste modo ao presidente da Xunta da Galiza que renegue da relación que ambos mantiveron. É evidente que o narco manexa información sensíbel e comprometedora aínda a día de hoxe, razón pola cal, segundo relata, cargos de relevancia no PP e no PSOE fórono visitar para ofrecerlle beneficios penitenciarios a cambio de datos prexudiciais para rivais políticos como o propio Feixoo.
Alberto Núñez Feixoo con Marcial Dorado nunha foto publicada por El País en 2013. Á dereita, un instante da entrevista de Jordi Évole a Dorado que se emitirá este domingo.
photo_camera Alberto Núñez Feixoo con Marcial Dorado nunha foto publicada por El País en 2013. Á dereita, un instante da entrevista de Jordi Évole a Dorado que se emitirá este domingo.

"Como chamas a quen dorme na túa casa e a quen a túa muller prepara o almorzo?". Desta maneira o preso por narcotráfico Marcial Dorado quere constatar a amizade que durante anos mantivo co líder do PP galego e candidato a renovar mandato na Presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feixoo. Na entrevista que o reo concedeu ao xornalista catalán Jordi Évole e que na noite deste domingo emitirá a canle de televisión privada La Sexta, Dorado amósase doído por Feixoo ter renegado da relación que mantiveron.

"Señor Feixoo, non ten que arrepentirse –de ser o meu amigo- porque sigo sendo un cabaleiro", di Dorado a Évole, segundo avanzou a produtora audiovisual Del Barri a Nós Diario. Con esa frase Dorado dá a entender ao presidente da Xunta que, como é "cabaleiroso"non é a súa vontade facer pública información que o puidese comprometer.

Altos cargos do PP e do PSOE pediron datos a Dorado para comprometer Feixoo a cambio de beneficios penitenciarios

Segundo as fontes do programa de La Sexta consultadas por este medio, o reo centrouse durante a entrevista en defenderse, negando a súa relación co narcotráfico, e en reiterar a súa amizade con Feixoo. As viaxes xuntos, os xantares, as visitas do líder do PP galego á casa de Dorado… o narco relata os momentos de confraternidade vividos entre ambos.

Con todo, non aclara o ano en que a amizade se foi diluíndo e se deixaron de ver coa asiduidade de antes. O que si lembra é o derradeiro encontro presencial que mantiveron. Corría o ano 2001 ou 2002 (en todo caso sempre antes da súa imputación en 2003) cando recibe unha chamada de Feixoo para quedaren a xantar xunto a máis persoas.

Foi Feixoo quen tomou a iniciativa do convite dese día, recalca Dorado, segundo as fontes da produtora. O narco non especifica onde se produciu o xantar mais si sinala que foi esa a última vez que se viron en persoa.

Alto cargo do PP pide a Dorado datos contra Feixoo

En 2004, cando Marcial Dorado está sendo investigado e con anterioridade ao seu ingreso na cadea, hai xente do PSOE, entre eles un ministro da etapa de José Luis Rodríguez Zapatero, que se achega ao narco para pedir información que puidese comprometer o Partido Popular, confesará mañá Dorado na entrevista, segundo adianta a produtora a Nós Diario.

"Non teño fotos con ninguén, só coa miña familia", di Dorado na entrevista

Xa en prisión, o reo relata que certo día recibe a visita dun alto cargo do PP que lle ofrece beneficios penitenciarios a cambio de información que puidese comprometer Núñez Feixoo. Desde a produtora non adiantan o nome, pero aseguran que quedará revelado na emisión. Non fica aí a cousa, foron varios os cargos populares que o visitaron polo mesmo motivo, segundo relata Dorado.

Unha relación ben longa

O preso nunca gostou de facerse fotos "con calquera", e enfatiza o seu "odio" por ser retratado. "Non teño fotos con ninguén, só coa miña familia", di na entrevista, do que se desprende que a amizade co actual presidente galego era ben íntima.

"Sabíao todo o mundo", recalca, para sinalar que a relación entre ambos era, ademais, ben coñecida. A amizade do narco e o presidente remóntase a cando Feixoo tiña 34 anos e era alto cargo da Consellaría de Sanidade do popular Romai Beccaría, baixo o mandato na Xunta de Manuel Fraga.

Beccaría sería despois membro do Consello de Estado, e sempre exerceu de padriño do presidente galego na área política. Segundo sinalou El País en 2013, foi nesa etapa dos anos 90 cando o presidente tería comezado a visitar ao narco á súa mansión na Illa de Arousa xunto a Manuel Cruz, chófer oficial do conselleiro Beccaría e testaferro de Dorado, e que morrería en 1999 nun accidente que para algúns se produciu “en estrañas circunstancias”.

A amizade Feixoo-Dorado fortaleceuse de 1995 a 1998

Este testaferro, ferrolán, tiña un curioso alcume: Manuel Cruz Gamada, logrado polas súas conviccións fascistas.

A amizade Feixoo-Dorado fortaleceuse de 1995 a 1998. Facían viaxes, pasaban momentos de recreo en iate, a bordo mesmo da embarcación Oratus, a cal acabou intervida posteriormente en medio dunha acción policial contra o branqueo de capitais proveniente da droga e imputada a Dorado.

As fotos

Foi en 2013 cando o diario El País publicou unha reportaxe con varias fotos en que aparecían Núñez Feixoo e Marcial Dorado partillando eses momentos de lecer nos anos 90. “Sempre quedou a idea de que eran fotos dun día, de que foran encontros casuais, mais esas imaxes eran froito dunha información recollida durante anos por El País e en concreto pola xornalista Elisa Lois”, salienta a Nós Diario o outro xornalista que xunto a Lois deu a coñecer as fotografías: Xosé Hermida, que naquela altura era o delegado de El País na Galiza.

Houbo grande unanimidade nos opinadores de Madrid, recorda, por dicir que aquilo era anecdótico. Porén, “nós tiñamos información de que Feixoo e Dorado tiveran relación durante anos, mais non había constatación desa amizade, así que, cando apareceron as fotos, fíxose o momento oportuno para facelo público”, relata Hermida.

“Nós seguimos o libro de actuación profesional, non podíamos publicar as imaxes sen coñecer as explicacións do presidente”. Lembra Hermida que lle amosaron as fotos antes de publicalas e que Feixoo non as negou. Nese momento, as explicacións do presidente xa caían en contradicións que posteriormente se puxeron de manifesto nas comparecencias públicas.

As incoherencias déronse sobre todo ao explicar as viaxes que realizou con Dorado, dicindo aquel memorábel “só recordo que había neve”, co que se quixo autocorrixir após dicir que estiveran en Andorra para emendalo por Picos de Europa, presumibelmente ao darse conta do que supón ir a Andorra no mundo dos negocios ilegais.

Na primeira rolda de prensa que ofreceu Feixoo no Parlamento galego após a publicación das fotos dixo non recordar quen pagaba as viaxes e non aclarou se houbo ou non contratos entre empresas de Dorado e a Xunta e se as gasolineiras do capo surtiran combustíbel para a calefacción dos centros hospitalarios galegos.

O presidente asegurou ademais que el non firmara contratos co narco, mais tampouco se atreveu a negar que o persoal da Xunta o fixese.

Decrétase “a fin da infamia”

Ao saíren en 2013 as fotografías, o presidente Núñez Feixoo deu varias roldas de prensa. Pese a caer en contradicións, prevaleceu a idea xeralizada de que afondou en abondosas explicacións e informacións.

Ao cabo duns días, e ao ver que se tiña que desdicir, Feixoo pronunciou aquel xa memorábel “acabouse a infamia”, rematando a comunicación oficial a este respecto por parte do Goberno galego.

Profesionais de diversos medios que fixeron seguimento naquela altura ao caso, lembran con especial amargura como despois dese “fin da infamia”, o Diario Oficial de Galiza publicaba subvencións económicas aos medios de comunicación.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

Comentarios