Miguel Lorenzo, candidato do PP ao Senado pola Coruña

“Houbo un senador que fixo moito por Galiza, Manuel Fraga”

Miguel Lorenzo é candidato do Partido Popular ao Senado pola circunscrición da Coruña. É avogado e profesor universitario, e xa fora deputado na XI e XII lexislaturas.

MIGUEL-LORENZO-620x420
photo_camera Miguel Lorenzo Torres

Que se xoga o pobo galego nas vindeiras eleccións do 28A?

O pobo galego, como o resto de España, xógase a estabilidade precisa para o crecemento económico, a creación de emprego, o progreso e o mantemento do estado de benestar, non nos podemos permitir una lexislatura na que o debate sexa a propia existencia de España como país unido e que a subida de impostos que anuncia Sánchez arruíne a clase media

Que lectura fai da lexislatura anterior a respecto de Galiza?

Foi unha lexislatura na que houbo gobernos de distinto sino. Está claro que até hai nove meses, España e Galiza crecían con forza, melloraban os índices económicos e baixaba o paro, e desde a moción de censura e desde que goberna o señor Sánchez o único que se fixo foi adoptar medidas populistas con fins electoralistas que poñen en perigo a recuperación económica e o emprego. Como exemplo do que afecta a Galiza, podo citar o proxecto de presupostos no que o PSOE castiga a Galiza, algo que os galegos non merecemos.

Cales serían para vostede as tres principais problemáticas que afectan a Galiza?

Hai que abordar a cuestión industrial. Temos que pelexar para que non se desmantele o tecido industrial en Galiza e que se aposte pola innovación para gañar valor engadido e competitividade.

Tamén o corredor atlántico ferroviario. Unha vez que Europa recoñeceu a nosa conexión co resto do continente a través do corredor ferroviario de mercadorías, hai que instar o goberno para que elabore un plan director críbel, co respaldo orzamentario e prazos de execución de obra co fin de acadar fondos europeos para financiar estas obras, claves para a competitividade da nosa economía

Un grande problema co que hai que enfrontarse e co declive demográfico, que significa un envellecemento da poboación, con todo o que leva aparellado en relación á sostibilidade do sistema sanitario, as pensións e a dependencia; e a despoboación das zonas do interior, que esixen un esforzo para que ás persoas novas lles saia rendíbel vivir nas aldeas e as vilas.

Que senadora ou senador sería referente para o seu labor no Senado?

Coido que o Senado cumpre unha función colectiva que, de feito, foi determinante para parar o golpe de Estado que pretenderon os separatistas cataláns. E, dito isto, para min houbo un senador que coido que ninguén pode dubidar que fixo moitas cousas por Galiza, e que foi don Manuel Fraga.

Cal será a primeira iniciativa que defenderá no Senado?

Primeiro hai que agardar o resultado das eleccións, e unha vez coñecido, tendo en conta as tarefas que me asigne o meu grupo parlamentario, non dubide de que traballarei polos obxectivos que xa lle respondín nas preguntas anteriores.

Como ve as opcións do PP na cita electoral?

Mire, eu estou a facer moita campaña na rúa, falando coa xente, e vexo que a xente escoita. E os galegos, que temos moito “sentidiño”, non van votar partidos que só falan de emocións e sempre teñen solucións moi fáciles para os problemas dos países. Eu penso que a xente vai votar un valor seguro, e non dubide de que o resultado será moi bo para o Partido Popular. 

Comentarios