Nova freada do PP ao concurso eólico

A aplicación das medidas lexislativas aprobadas polo Goberno Central e o fechamento do rexistro de preasignación fan imposíbel a materialización real do Concurso Eólico do Goberno Feijóo, sinalan desde o BNG
Parque eólico. Foto: EGA
photo_camera Parque eólico. Foto: EGA

O deputado do BNG Fernando Branco Parga denunciou que coa aplicación das medidas lexislativas aprobadas polo Goberno Central, en concreto coa suspensión das primas a renovábeis e o fechamento do rexistro de preasignación é imposíbel a materialización real do Concurso Eólico do Goberno Feijóo.

Branco Parga argumentou a afirmación aludindo ao Real Decreto-Lei 1/2012, ao Informe da CNE que só prevé 1.474 Mw eólicos novos até o 2015 e a distintas declaracións públicas do propio sector que cuestionan a súa viabilidade sen primas, ante o que o Director Xeral de Industria, Bernardo Tahoces, continuou insistindo en que o Concurso segue adiante.

Porén, tivo que recoñecer que ningún Mw deste Concurso entrara no Rexistro de Preasignación, que estivo aberto entre xuño de 2009 a Xaneiro de 2012, requisito imprescindíbel para permitir a instalación de parques Eólicos.

O director xeral tamén quixo desvincularse do cronograma anunciado no seu día pola Consellaría de Industria, onde fixaba o comezo de 2012 como data prevista para a entrada en funcionamento dos aeroxeradores.

O deputado nacionalista quer lembrar que o propio presidente Feijóo considerou este Concurso Eólico como o gran plano industrial do seu Goberno e que, segundo el, ía xerar 14.000 empregos e un investimento de 6.000 millóns de euros.

“Estamos diante doutro grande fracaso do Sr. Feijóo, semellante á perda das entidades financeiras galegas, que amosa a falla dunha política industrial, como reflicten os dados dos últimos 19 meses do Índice de Produción Industrial, onde Galiza está permanentemente no furgón de cola".

Comentarios