Jorge Suárez, alcalde

"Semella que Feijóo deu a cidade de Ferrol por perdida"

Jorge Suárez (Vigo, 1975) recoñece que a aprendizaxe á fronte da Alcaldía de Ferrol nin foi doada nin rematou. Confía en que a cidadanía recoñeza un compromiso e un traballo do equipo municipal por “mudar Ferrol” e non gosta de catastrofismos nin autolamentacións para afrontar a realidade dunha cidade especialmente golpeada pola crise. “Aquí temos espírito de loita”, afirma con orgullo. É a entrevista política do Sermos281, xa na rúa. Eis un avanzo da conversa.

 

alcalde
photo_camera Jorge Suárez, alcalde de Ferrol

5Vén de anunciar que Ferrol en Común concorrerá ás eleccións municipais de 2019 como unha marca sen adscricións políticas. Estará vostede á fronte da candidatura?

É cedo aínda para falar de candidatos, iso teno que decidir a asemblea. Agora mesmo a equipa de goberno está centrada en sacar adiante os orzamentos, que xa vai  tocando, e en desenvolver os proxectos máis importantes do noso programa electoral. Xa haberá tempo para falar de candidatos.

De que dependería que vostede fose cabeza da candidatura? Ten ganas de repetir?

Ferrol é a miña cidade e é todo un orgullo ser o seu alcalde, mais creo que o importante non son os personalismos senón o equipo que se forme e o programa que levemos adiante. Eu son unha peza máis na engranaxe, non creo que sexa significativo nestes momentos quen sexa o candidato.

Imos cara aos tres anos de mandato, que valoración fai deste período? Imaxinaba cando tomou as rendas do Concello que se ía estar no punto actual?

Creo que se está a facer un traballo importante por mudar Ferrol. É certo que tivemos unha investidura con 13 apoios que nos deron a Alcaldía e o goberno pero tamén é certo que foi todo bastante tortuoso. Houbo un proceso de aprendizaxe polo que todo o goberno tivo que pasar e quizás iso ralentizou o noso labor de goberno mais en termos xerais estou moi satisfeito do feito até de agora.

Di que están centrados en sacar os orzamentos, “que xa vai tocando”, recoñece. Até o de agora este goberno non foi quen de sacar adiante ningún deles. Por que agora cre que desta vai?

Cando gobernabamos coas 5 concelleiras e concelleiros do Partido Socialista foi imposíbel, no marco interno do goberno, acadar un acordo para sacar adiante os orzamentos. Após a ruptura presentamos uns orzamentos e hai escasamente un mes estes non tiveron a aprobación no Pleno, onde estamos en minoría. Agora estamos cuns orzamentos onde queremos reflectir a maioría dos investimentos que os grupos municipais piden para a cidade, cun Capítulo I de persoal cunha oferta de emprego solvente. Estamos nesa fase de redacción dese capítulo, coa nova taxa de reposición. Neste primeiro trimestre vai haber uns orzamentos, sexa co apoio dos grupos ou sexa a través da cuestión de confianza.

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 281, á venda na loxa e nos quiosques habituais]

Comentarios