Tres semanas para acordar un cambio para as deputacións da Coruña e Pontevedra

A constitución das entidades será a mediados do vindeiro mes de xullo. O BNG, após o acontecido en Lugo, chama a retomar as negociacións para garantir un modelo para as deputacións antagónico do actual. 

Deputación de Ourense
photo_camera Deputación de Ourense

O PP anotou unha vitoria inesperada até para eles propios no mapa das deputacións de Galiza grazas ao voto dun deputado e alcalde imputado do PSdeG. Sumou así Lugo á de Ourense, onde os resultados das municipais do pasado 24 de maio na provincia, permitiron a Baltar manter a presidencia da entidade. As da Coruña e Pontevedra, onde o PP é a forza con máis representantes mais sen a maioría precisa para garantirse a presidencia, centran agora todas as miradas. Estas deputacións non se constiturián até por volta do 13 de xullo, un adiamento motivado pola resolución de recursos presentados pos resultados dos comicios municipais en Ordes e Tordoia (A Coruña) e Caldas de Reis (Pontevedra).

En ambas as dúas, ademais, atinxiron representación, a maiores de populares, socialistas e nacionalistas, as forzas ‘emerxentes’. Fican tres semanas nas que hai marxe para diálogo, negociación e acordos que permitan que as deputacións ‘atlánticas’ fiquen fóra de mans do PP. “Emprazamos o Partido Socialista a reanudar ese proceso de negociacións o máis axiña posible, para poñernos a traballar de xeito inmediato e sentarse para consensuar un programa alternativo, no que o BNG confía e polo que traballará todo o que sexa necesario”, manifestou Goretti Sanmartín, da Executiva nacionalista.

Pontevedra

Na Deputación de Pontevedra O PP perdeu a maioría absoluta, ao baixar de 17 a 12 representantes. O PSdeG posúe 10 e o BNG, 4. A Marea de Vigo obtén un deputado. A suma destas tres forzas dá 15 deputados fronte aos 12 dos populares. Mesmo aritméticamente abondaría cun acordo entre socialistas e nacionalistas para votar ao mesmo candidato para despexar Rafael Louzán da presidencia. Louzán, porén, non descansa. Desde o 24M os seus ofrecementos e convites ao BNG para pactar foron constantes. Os nacionalistas xa lle dixeron, por activa e por pasiva, que non.

A Coruña

Na deputación coruñesa o PP pasou de 17 a 13 representantes dun total de 31, lonxe da maioría absoluta que lle garantiría recuncar na presidencia. O PSdeG obtivo 8 e o BNG, 5. A Marea Atlántica acadou 3 representantes, 1 Compostela Aberta e 1 a Alternativa dos Veciños de Oleiros. Un acordo de socialistas e nacionalistas empataría cos populares. Desde as marés xa anunciaron que non permitirían que o PP seguise á fronte das deputacións.

No ‘acordo programático’ que o BNG defende para negociar a nivel nacional -e non deputación por deputación- a posibilidade da presidencia da entidade coruñesa para os nacionalistas estaba riba da mesa. Consideran que a correlación de votos que se deu nesta provincia pode avalar esa petición, sempre no marco dun acordo nacional. O PSdeG, até o de agora, rexeitou esa pretensión e as mareas coruñesa e compostelá non se pronunciaron.

O BNG xa amosou a súa disposición a unha moción de censura que despexe o PP da presidencia da deputación. Desde as filas socialistas apostan en ‘reconducir’ unha situación que deixou moi tocado ao partido na provincia e, nomeadamente, ao secretario xeral, Rodríguez Besteiro. Cómpre lembrar que a orde de presentar como candidato a presidente Deputación de Lugo a Darío Campos, aparcando a Manuel Martínez, veu de Ferraz. A ‘rebelión’ do rexedor de Becerreá caeu como un ha bomba na sé do PSOE, onde se considera que Besteiro non foi quen de facer valer a súa autoridade.

Mais para reconducir a situación, ou ben demite Manuel Martínez como deputado ou ben cambia de parecer a pasa apoiar unha moción de censura. Non parece que, polo menos a corto e medio prazo, vaia acontecer algunha das dúas.

Comentarios