A seleccionadora galega de fútbol feminino cambia o nacionalismo polo PSOE coruñés

Pilar Neira presentarase como número 7 na lista electoral de Mar Barcón ás municipais logo de esta persentarse con Compromiso por Galicia nas autonómicas e ir na candidatura local do BNG hai catro anos.

Pili Neira
photo_camera Pili Neira

“Tiven unha conversa interesante con Mar Barcón e púxenme á súa disposición para botarlle unha man no que poida. Abandonei Compromiso por Galicia pero deixo alí grandes amigos que sempre poderán contar comigo”. Con esas palabras anunciou hai uns días nas redes sociais o seu achegamento ao PSOE a seleccionadora galega de fútbol feminino Pilar Neira, que pouco despois se soubo que ocupará o posto número 7 da lista d@s socialistas ás eleccións municipais na Coruña.

Neira representará así ao deporte local (onde é moi coñecida) na lista do PSOE aos comicios de maio, nunha candidatura que encabeza Mar Barcón, antiga concelleira con Francisco Vázquez. Precisamente, ese pasado vazquista e o case nulo uso da lingua galega por parte desta formación na Coruña engaden sorpresa á fichaxe da adestradora, que sempre se moveu en forzas políticas de carácter nacionalista ou galeguista.

A súa anterior formación -CxG- aprobou integrarse en Marea Atlántica

Así, a agora candidata do PSOE coruñés presentouse nas municipais de hai catro anos polo BNG e tamén foi na lista de Compromiso por Galicia ás autonómicas de 2012. O PSOE conta na actualidade con 8 concelleir@s, polo que Pilar Neira podería chegar a obter a acta, se ben os inidicios apuntan a unha notábel perda de votos d@s socialistas na cidade.

Pola súa parte, Compromiso aprobou con máis do 80 por cento de apoios integrarse en Marea Atlántica na Coruña, non presentando candidatura por separado como fai en outras urbes de Galiza.

Comentarios