Seis d@s 13 representantes do PP no Goberno de Compostela están imputad@s

Cinco concelleir@s deben responder perante a xuíza Pilar de Lara por delitos relacionados coas operacións Pokemon e Manga contra a corrupción; un sexto fica imputado por falsificar facturas para conceder subvencións a asociacións veciñais próximas a este partido

photo_camera Adrián Varela, último imputado [SG]


Máis un concelleiro do Goberno municipal de Compostela foi chamado a declarar pola xuíza Pilar de Lara no marco da operación Pokemon contra a corrupción. Trátase de Adrián Varela, responsábel da área de Deportes, quen terá que responder polos delitos de tráfico de influencias, aceptación de subornos e falsidade documental. 

É o quinto integrante da corporación municipal que senta perante De Lara no mandato 2011-2015, se ben dous deles --o ex alcalde Gerardo Conde Roa e o ex edil de Seguranza cidadá, Albino Vázquez-- xa presentaron a súa demisión. Cómpre salientar que o PPdG, que goberna en maioría, conta con 13 representantes. 

Repasemos: na operación Pokemon ou na Manga, unha ramificación da primeira, están a día de hoxe imputad@s o propio alcalde, Ángel Currás; a concelleira de Educación e Normalización lingüística, Rebeca Domínguez; para alén dos outros tres casos xa mencionados: Adrián Varela, Conde Roa e Albino Vázquez Aldrey. 

Porén, cómpre sinalar que hai un sexto integrante da corporación municipal imputado, se ben debe responder por outra causa: o concelleiro de Obras, Juan de la Fuente, está considerado responsábel dun delito de falsidade documental en relación ao caso das facturas falsas que presentaban asociacións veciñais próximas ao PP compostelán para accederen a subvencións. Aliás, o rexedor Currás fica imputado na instrución dunha denuncia por prevaricación e acoso moral, após ser sinalado por un policía municipal; na mesma causa están tamén imputados Vázquez Aldrey e Conde Roa.

Que di a corporación municipal?

O PPdG botou balóns fóra. Por boca da súa segunda tenente de alcalde, Amelia González, defendeu que "a figura de imputado non implica culpabilidade" senón unicamente "declarar diante dun xuíz acompañado dun avogado". 

Desde as bancadas da oposición, o PSdG non reclamou a demisión do actual alcalde; limitouse a lle pedir que deixe a cadeira de mando a outr@ integrante da mesma formación política. 

Pola súa banda, o BNG exixiu a Núñez Feijóo que disolva a corporación municipal e convoque eleccións anticidadas ao considerar "gravísima" e "insostíbel" a situación do Goberno municipal. A formación frontista está convencida de que no PP de Compostela "non hai rexeneración posíbel".

Comentarios