mércores 21/10/20
Política

Segundo Noriega, a súa renuncia a encabezar a candidatura de Galicia en Común permitiu un pacto "equilibrado" con Podemos

O que será número tres na lista da coalición Galicia en Común afirma que se leva "sentindo presionado desde hai moitos anos" para traspasar as barreiras da política municipal, algo que asume de maneira "construtiva".
Martiño Noriega, candidato número tres por A Coruña na lista Galicia en Común
Martiño Noriega, candidato número tres por A Coruña na lista Galicia en Común (EP).

O ex alcalde de Santiago e dirixente de Anova, Martiño Noriega, revelou que nas negociacións mantidas durante as últimas semanas o seu nome estivo sobre a mesa como posíbel candidato á presidencia da Xunta, malia ter finalmente a colación Galicia en Común, asinada con Podemos e Esquerda Unida, a Antón Gómez-Reino como cabeza de cartel. Neste senso, Noriega apunta que a súa renuncia a ocupar este posto permitiu un pacto "equilibrado" coa formación morada.

O nome de Noriega estivo sobre a mesa como posíbel candidato á presidencia da Xunta

Nunha entrevista a Europa Press Noriega afirmou que non se pode agochar que o debate estivo aí, mais considera que as renuncias son secundarias e, se "implican que ese espazo fose equilibrado e representado, a min váleme perfectamente". Así, o ex alcalde compostelán concorre por Anova no número 3 da lista Galicia en Común.

O actual voceiro de Compostela Aberta considera que en política "sobran egos e perfís que non entendan a xenerosidade". Ademais, engadiu que "non quede ningunha dúbida de que, por nós, non vai quedar por conseguir o cambio político na Galiza. Nin por Anova, nin polas mareas, nin por min persoalmente".

"Saia ou non saia deputado, sempre quedaremos coa sensación de que o demos todo", insiste Noriega, que coida que iso se vai ver reflectido nun resultado que será corresponsabilidade de todas. Asemade, lamentou que se dese unha discusión pública sobre facelo "itinerante" como candidato por distintas circunscricións: "A miña finalidade non é ser deputado, por iso en ningún momento se propuxo que nin eu nin Antón (Sánchez) fósemos por Lugo ou Pontevedra (internamente)".

"A miña finalidade non é ser deputado, por iso en ningún momento se propuxo que nin eu nin Antón (Sánchez) fósemos por Lugo ou Pontevedra (internamente)", di Noriega

Así mesmo, o número tres pola Coruña manifestouse satisfeito pola constitución dun "espazo compartido" que recolla "a esquerda federal de Unidas Podemos e unha versión alternativa ao discurso nacionalista do BNG, que é o suxeito de Anova e as mareas".

Antón Sánchez, fóra das listas

Preguntado pola ausencia nas listas de Antón Sánchez, voceiro nacional de Anova e deputado no Parlamento galego durante os últimos oito anos, Noriega sinalou que o seu compañeiro e amigo seguirá a "xogar un papel de construción dese suxeito político no país, que naza das mareas e de Anova", o que deixaría albiscar a intención da formación nacionalista de se expandir no territorio nun espazo nacionalista alternativo ao do BNG.

Afirmando que Sánchez toma unha "decisión lexítima" que respecta, Noriega admite que "el sabe que non a comparto". "Tamén, dalgunha maneira, supón que eu hoxe estea implicado nas listas para o 5 de abril", concretou. Noriega asegura que se leva "sentindo presionado desde hai moitos anos" para traspasar as barreiras da política municipal, algo que agora asume de maneira "construtiva". "Cando hai razóns para que te presionen, no tes que tomalo como algo persoal, danse razóns de índole colectiva. Pero as presións leváronme á conclusión de que un non elixe a trincheira, senón que a trincheira te escolle a ti", manifestou.

"As presións leváronme á conclusión de que un non elixe a trincheira, senón que a trincheira te escolle a ti", explica Noriega

Noriega tamén advertiu que "a melancolía do bipartito non vai chegar aritméticamente" para un cambio na Xunta.

"Anova nunca foi de farol"

O candidato rexeitou que cando Anova afirmou que se presentaría ás eleccións mesmo se non acadaba un acordo con Podemos fose de farol: "Era real ea medida de que o espazo corría o risco de que non ía ser compartido". Se ben pensa que Anova pagou un prezo alto "porque sempre priorizou a unidade popular por enriba da súa posición de parte", coida que neste caso, "chégase a un acordo no que todo o mundo se sinte reflectido e que recolle o o legado de AGE e En Marea".

Noriega abandonará o concello

Após perder as eleccións municipais de 2019, Noriega á actualmente portavoz de Compostela Aberta, un cargo que xa confirmou que deixaría y para o que se prevía o relevo de cara ao Nadal. Esta decisión mantense firme independentemente do resultado dos comicios do 5-A.

comentarios