O sector pro-Pablo Iglesias de Podemos Galiza critica que Carmen Santos estea próxima a Beiras

Segundo soubo Sermos Galiza, na contorna de Antón Gómez Reino, o home de Pablo Iglesias na Galiza, se sostén a idea de que Carmen Santos, secretaria xeral de Podemos Galiza, está próxima ás teses de Beiras.

Carmen Santos Beiras En Marea
photo_camera Carmen Santos olla para Beiras no mitin de En Marea en Vigo.

Podemos Galiza está en crise permanente e non sae do labirinto. Após a derrota en primarias de Breogán Riobóo e a súa substitución por unha Carmen Santos que se impuxo á candidata do aparato Ángela Rodríguez, agora resulta que a nova secretaria xeral está facticamente en minoría no máximo órgao da formación na Galiza, o chamado Consello Cidadán Autonómico.

Sinteticamente as dúas posicións en liza poden resumirse así: Carmen Santos e o seu núcleo pretenden un proceso asembleario que determine primeiro se Podemos vai nas Mareas ou non ás eleccións galegas e, en caso afirmativo, advogan por realizar unhas primarias abertas para nomear o candidato. En troca, o grupo liderado por Gómez Reino dá por superado o debate, non contempla opción distinta á de ir nas Mareas e, canto ás primarias, se decanta por consensuar a candidatura e logo submetela a referendo das bases, seguindo o modelo de escolla dos cabezas de lista da Coruña, Santiago e Ferrol nas municipais de 2015 (isto é, primarias sen candidato alternativo ao consensuado).

A xulgar polo desenvolvimento do debate producido esta quinta feira no Consello Cidadán Autonómico de Podemos Galiza, as posicións da secretaria xeral estarían neste momento en minoría. O órgao aprobou unha resolución en que aplaude o recente manifesto dos alcaldes da Coruña, Ferrol e Santiago e en que se pronuncia a prol de "participar activamente no proceso de democratización de En Marea". Dito doutro xeito, non contemplan nen como hipótese a de que Podemos se apresente en solitario.

Santos non cre que o grupo de Gómez Reino vaia forzar agora a súa renuncia

Durante o debate, Santos perdeu o apoio de dúas persoas da súa confianza, que se acabaron aliñando con Gómez Reino. A situación chegou a tal extremo de tensión que a secretaria xeral se ausentou no momento da votación do pronunciamento do Consello Cidadán Autonómico.

Santos manifestou esta quinta feira que non está "entre as súas prediccións" que o Consello faga unha manobra estilo á que sofreu Breogán Riobóo -deixar o órgao sen quórum con demisións calculadas- para criar un baleiro de poder que leve a unha elección interna para cubrir a secretaría xeral.

Segundo soubo Sermos Galiza, no sector pro-Pablo Iglesias de Podemos Galiza a impresión é que Carmen Santos está a favorecer as teses de Anova dentro da Marea e máis en concreto as aspiracións de Beiras a ser candidato.

As opcións de Beiras serían maiores se houbese unhas primarias abertas -tal e como defende Carmen Santos- sendo que non ten hipóteses de aparecer como candidato de consenso ao ser rexeitado por EU -Yolanda Díaz- e Marea Atlántica -Xulio Ferreiro.


 

Comentarios