O sector lácteo e o hospital de Vigo centran a fiscalización a Feijóo no retorno ao curso parlamentar

O presidente defendeu o documento elaborado polo Ministerio, as industrias e a distribución mais que rexeitan @s gandeir@s ao tempo que mantivo o discurso oficial a respeito do Álvaro Cunqueiro.

Jorquera
photo_camera [Imaxe BNG]

Finalmente Alberto Núñez Feijóo tivo que responder polos dous grandes conflitos que mantén abertos o seu goberno. Dunha banda, a crise que atinxe o sector lácteo e que está marcada por unha forte mobilización das explotacións gandeiras desde hai máis dun mes. Doutra, o novo hospital de Vigo cuxo modelo de xestión privado sacou ás rúas por volta de 200 mil persoas. 

Porén, tivo que ser a partir das preguntas formuladas polas forzas da oposición en sesión plenaria, e non antes. 

Así, en resposta ao portavoz do BNG, Francisco Jorquera, a respeito do prezo do leite en orixe, Feijóo defendeu o acordo deseñado polo Ministerio de Agricultura como pretensa solución á realidade que atinxe as explotacións gandeiras. Malia o rexeitamento expresado pol@s produtor@s, que ven insuficiente o texto e exento de garantías de cumprimento, o presidente da Xunta asegurou que é vantaxoso para @s gandeir@s. 

"Eu dígolles aos meus veciños que este acordo ten moitas máis vantaxes que desvantaxes", afirmou Feijóo. "Alá vostedes que os están a incitar a desaproveitar unha grande oportunidade", acrecentou dirixíndose ás bancadas da organización frontista mentres Jorquera o instaba a rematar coa "vergoña" de que un litro de auga custe máis do que un de leite. Unha "extorsión", dixo, propia dos "capos" da mafia, en referencia á industria. 

Jorquera: “Gobernar é dar a cara cando hai problemas, exercer as competencias e ter un proxecto de país”

“Gobernar é dar a cara cando hai problemas, exercer as competencias e ter un proxecto de país”, afirmou o voceiro nacionalista mentres reclamou que a crise do leite sexa tratado como un "problema de país" desde o goberno galego. 

Feijóo insistiu en loubar as medidas anunciadas polo Ministerio de Agricultura como subvencións de 300 euros por vaca ou mesmo a anunciada suba de 2 céntimos por litro de distribuidoras como Mercadona ou Vegalsa/Eroski. Porén, @s gandeir@s que manteñen o bloqueo ás industrias xa advertían días atrás que non están a loitar por 2 céntimos cando perciben apenas 0,20€ ou mesmo menos. 

Hospital de Vigo

Posteriormente foron as portavocías de AGE e PSdeG as que inquiriron o presidente da Xunta polo conflito no hospital de Vigo, o Álvaro Cunqueiro. Ao igual que fixera a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, o día anterior, Feijóo defendeu o modelo de xestión "público-privada"  que amparou nun "acordo do Goberno socialista de Madrid". 

"Parece que hai galegos, políticos, aos que lles molesta que Galiza fose capaz de facer un hospital en recesión", afirmou o presidente do executivo, entre as acusacións de "fraude" que lle lanzou a voceira de AGE, Yolanda Díaz, mentres amosaba a imaxe das pingueiras que atinxen unha infraestrutura de recente creación. 

Tamén o voceiro socialista, José Luís Méndez Romeu, salientou o conflito que xerará o modelo privado de xestión ao incluír o "contrato" o "lucro empresarial" o que, advertiu, "entrará en conflito coa dimensión clínica". 

Comentarios