O sector lácteo centrará a sesión plenaria mais Feijóo non comparecerá

O PP veta un pleno monográfico sobre a crise do leite e rexeita que o presidente compareza, como reclamaban as forzas da oposición. Porén, Feijóo terá de responder a pregunta do BNG. A conselleira si que comparecerá. 

20150317 Xunta de Portavoces
photo_camera [Parlamento de Galiza]

O Partido Popular empregou esta terza feira (8 de setembro) a súa maioría absoluta para parapetar o presidente da Xunta de Galiza e impedir que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, comparecese na sesión plenaria da vindeira semana para falar da crise do sector lácteo. Non o fará nun pleno monográfico nen tampouco en sesión ordinaria, como reclamaban as forzas da oposición. Porén, si terá que dar explicacións en resposta á pregunta que lle formulará o portavoz do grupo parlamentar do BNG, Francisco Jorquera. 

O voceiro nacionalista denunciou en comparecencia de imprensa após a Xunta de Portavoces a "arrogancia, desprezo e a demisión" de Feijóo como presidente do executivo galego perante unha situación como a que atinxe a produción láctea na Galiza. "Se Galiza cobra os prezos máis baixos do Estado español e de Europa é por falta dunha estratexia para o sector e a irresponsabilidade de non o ter preparado", sinalou. 

"Se Galiza cobra os prezos máis baixos do Estado español e de Europa é por falta dunha estratexia para o sector"

Pola súa banda, a vice-portavoz de AGE, Yolanda Díaz, asegurou que "logo do que estamos vivindo" é "bastante grave" que "non teña a sensibilidade de escoitar o sector, de permitir un pleno extraordinario monográfico". 

Nen os milleiros de tractores atrincheirados en Lugo e Compostela nen a magnitude do problema que atinxe as explotacións --a maioría percibindo prezos por baixo dos custos de produción-- fixeron que Alberto Núñez Feijóo deixase de desouvir as súas demandas. 

Neste senso, o voceiro do PSdeG, Xosé Luís Méndez Romeu, reclamoulle ao mandatario galego "liderar" unha "política do lácteo" en troca de "ser mero seguidor" de Madrid e Bruxelas. "O clamor" dos gandeiros, acrecentou, "non parece que teña recepción" institucional. 

Quen si comparecerá é a conselleira de Medio Rural. Rosa Quintana explicará a política do goberno en sesión plenaria a vindeira terza feira. 

Comentarios