venres 17.01.2020

O sector do mar empraza os partidos a comprometerse coas súas demandas e reivindicacións

Confrarías e agrupacións recollen nun documento os problemas que lles afectan e piden compromisos en temas como o saneamento das rías, a defensa da frota artesanal ou a etiquetaxe dos produtos.

sector do mar
sector do mar

'En defensa do sector do mar' é o nome do documento que unha ampla representación do sector do mar de Galiza, desde confrarías a asociacións mexilloeiras, agrupacións de mariscadoras ou organizacións de frota artesanal; elaborou para facer chegar ás formacións políticas que concorren nestas eleccións. Un informe no que expoñen os problemas do sector ao tempo que poñen sobre a mesa oito propostas concretas para responder a estas necesidades. “Non estamos falando só dos 33.000 empregos directos, senón de todo o tecido socio-económico intimamente vencellado ao sector do mar, que dá vida a todas as vilas do noso litoral costeiro e constitúe un sinal da nosa identidade”, manifestan no documento. Unha importancia pola que entenden que “É vital conseguirmos o s compromiso real e efectivo [dos partidos] e que asuman as reivindicacións do sector nos programas electorais e nas vindeiras decisións do Goberno Central”.

Nos últimos 11 anos a flota pesqueira galega reduciuse en mais de 1.200 embarcacións (a meirande parte flota artesanal). A isto hai que engadir que especies autóctonas de grande importancia para a flota artesanal, o marisqueo e para a acuicultura vense claramente mermadas. Un ecsenario perante o que urxe adoptar decisións.

Propostas

A primeira demanda que fai o sector do mar é o saneamento integral das rías galegas, o coidado e protección do medio. A degradación do medio ambiente ten efectos directos e prexudiciais na actividade de mariñeiros, mariscadoras e bateeiros. “Para preservar o auténtico sector do mar galego, deberíase establecer un estatus de protección específico para aquelas áreas onde se practican a acuicultura extensiva, o marisqueo e a pesca artesanal, prohibindo nelas a implantación e desenvolvemento de calquera actividade que as poña en risco”.

Tamén se pide un cambio no sistema de Tacs e cotas que cualifican de “obsoleto” e de beneficiar só a unha minoría. “É necesario e urxente que o Estado español e a Xunta de Galicia actúen para mudar o criterio de reparto das cotas pesqueiras na UE, que se realiza en base ao mal chamado “principio” de Estabilidade Relativa (PER) e que discrimina ao Estado Español -e sinaladamente a Galicia- porque entrou na CE con posterioridade ao seu establecemento”, apontan.

A defensa da pesca artesanal é un dos eixos do documento, pedindo medidas e accións concretas para este sector fulcral no mar galego. Políticas específicas que tamén se piden para o marisqueo (.nos últimos quince anos o número de mariscadoras pasou de 6.551 a 3.826 en 2015).

Sector mexilloeiro

A acuicultura galega, líder no Estado e na UE, é sinónimo de cultivo de mexillón. A mitilicultura galega está baseada nun modelo propio de produción extensiva, enmarcada no medio ambiente e con marcada significación socio-económica. Unhas 2.400 familias están directamente implicadas nesta actividade, que ten un importante efecto multiplicador na economía e no emprego local (13.000 postos de traballo directos e indirectos). No documento pídense medidas de apoio e recoñecemento para este sector.

Por último, recollen a defensa dos produtos galegos, da súa identificación e etiquetaxe.

comentarios