O sector crítico de Podemos en Galiza impulsa a súa propia candidatura de confluencia

A militancia aspira a un “tsunami galego” que “non sexa instrumentalizado” polos partidos políticos como –segundo defenden- ocorreu coas mareas nas municipais.


O sector crítico de Podemos en Galiza acordou impulsar unha candidatura de unidade popular de cara as eleccións autonómicas na que os partidos políticos “se poñan ao servizo da cidadanía”. 

Este foi o punto central da asemblea realizada este sábado en Compostela por Podemos Cambiar Galicia. “Simplemente lanzamos a convocatoria porque alguén ten que tomar a iniciativa”, explicou Ana Sánchez Diz, que disputou a secretaría xeral a Breogán Riobóo, en declaracións recollidas pola axencia Europa Press.

A militancia crítica de Podemos aspira a crear “un tsunami galego” que “non sexa instrumentalizado” polas forzas políticas como –segundo defenden- ocorreu con algunhas mareas nas municipais. “Entendemos que a xente dos partidos ten moito que aportar, pero non deben intentar capitalizar as candidaturas”. 

Na mesma liña expresou o aspirante da corrente Xuntos Podemos, Florentino Balado, que apostou por “movementos de confluencia nos que estea presente toda a xente que queira cambiar as cousas”.
 

Comentarios