O sector crítico de Podemos-Galiza, disposto a marchar se Madrid non rectifica nas primarias

Nun comunicado de imprensa após a asemblea decorrida o 2 de xullo, Podemos cambiar Galiza critica con dureza a decisión adoptada polo Consello Cidadán Estatal da formación e o modelo de primarias proposto de cara á configuración das listas electorais ás Cortes españolas. 

[Imaxe Podemos]
photo_camera [Imaxe Podemos]

Neste senso, instan a dirección política de Madrid a rectificar e mesmo amosan a súa disposción a "abandonar en bloque o partido cando remate este proceso de primarias" se o núcelo da Complutense non muda o regulamento. 

"Pedímoslle ao Consello Cidadán Estatal que modifique o regulamento destas primarias para que se permita a cada rexión ou comunicade autónoma escoller ós seus propios candidatos e candidatas", sinalan. "Que o orden no que se coloquen os candidatos por cada circunscrición provincial veña dado polo resultado das primarias, non polo capricho de cada candidato", "que se pospoña" o proceso para dar tempo a aquelas persoas que o desexen a se presentar  e que "os membros destacados e máis visíbeis se absteñan" de apoiar publicamente a ningunha das persoas candidatas. 

Podemos cambiar Galiza pronúnciase nestes termos após amosar a súa aposta na integración dunha "candidatura de unidade popular, deixando de lado as siglas". Porén, tamén advirte que abandonará a formación se a dirección de Madrid non recúa e muda o deseño das primarias proposto por Pablo Iglesias. 

Destarte, aseguran que adoptaron a decisión de, colectivamente, "non participar en ningunha candidatura indivisual", "facer campaña para que en ningún lugar do Reino de España se presenten listas alternativas", "absterse nas votacións" e mesmo "abandonar en bloque o partido" se esa mundanza non se producir. 

Unha "burla" que converte Podemos "nun partido máis do sistema"

O sector crítico de Podemos en Galiza sinala que co modelo adoptado "os galegos non escolleremos ós representantes que irán polas circusncricións provinciais galegas, xa que isto queda a libre lección por parte de cada candidato ou candidata que saia elexido. Mai non só isto, tamén se gardan a potestade escoller en qué orden se colocan en cada circunscrición". 

"Négasenos a facultade de elexir por nós mesmos as persoas que nos representarán nas nosas circunscricións"

Neste senso, coidan o regulamento "unha burla á cidadanía xa que nos nega a facultade de elexir por nós mesmos as persoas que nos representarán nas nosas circunscricións de orixe, podéndose dar o caso de que por unha provincia galega se presente unha persoa de Madrid ou calquera outra parte do estado". 

Así pois, "entendemos pois que con este proceso de primarias dase por rematado o proxecto de Podemos como instrumento de empoderamento popular para acabar transformarmándose nun partido máis do sistema", sentencian. 

Comentarios