mércores 08/12/21

O sector crítico de Anova pide a demisión dos membros da Comisión de Garantías

Algo máis de 100 militantes tomaron parte na asemblea do sector crítico decorrida este sábado en Santiago.

Asemblea constituínte Anova-Irmandade Nacionalista
Asemblea constituínte Anova-Irmandade Nacionalista


A asemblea do sector que lidera o alcalde de Teo e ex coordenador nacional de Anova, Martiño Noriega, deixou tres manchetes, tres titulares. Primeiro, os críticos piden a demisión de todos os membros da Comisión Ética e de Garantías, que consideran se extralimitou das súas funcións ao decretar a expulsión de 17 militantes da asemblea de Redondela. Segundo, exixen o retorno aos principios fundacionais da organización, con chamadas á democracia participativa e ao funcionamento horizontal, non cupular, da organización. Terceiro, demandan o reforzo de AGE, da coligación con Esquerda Unida.

Este sector non ve ningunha contradición aparente entre o carácter nacionalista de Anova e a conformación dunha organización de novo tipo en parcería con Esquerda Unida -unha formación esta de carácter federal, mas que ten os seus órgaos soberanos en Madrid- e que sería unha sorte de réplica galega de Iniciativa per Catalunya.

Espazo da cidadanía

Rafa do Pico, que compareceu perante os meios en calidade de portavoz deste sector, dixo que "concebimos AGE como un espazo da cidadanía" e non como "prioridade das organizacións políticas.

Enfatizou que tencionan deixan clara a súa defensa "da proposta dunha Frente Ampla Incluínte" como "ferramenta ao servizo da cidadanía agredida", unha terminoloxía moi semellante a que adoito empregan dirixentes de Esquerda Unida como Iolanda Díaz.

Do Pico lamenta que Anova se teña ido afastando dos seus principios fundacionais, algo do que responsabilizou ao "aparato". Que principios fundacionais? Citounos: a "soberanía das asembleas no ámbito local", "as decisións de abaixo a arriba" e a "radicalidade democrática".

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

O sector crítico de Anova pide a demisión dos membros da Comisión de Garantías
comentarios