Críticos de Anova denuncian seren albo de "censura" nas primarias para Europa

A tensión non decrece en Anova. Dous candidatos nas primarias para as europeas afirman que a súa comunicación á militancia foi submetida a "censura". Luís Eyré Palleiro denuncia a amputación parcial do documento en que formaliza a súa candidatura por parte do aparato da organización. Anova-Irmandade Nacionalista mudou o documento de candidatura de Xosé Miguel B. Rodríguez após facerse eco Sermos Galiza da denuncia de censura. 

palleiro
photo_camera Chío tirado da conta de Luís Eyré

O aparato de Anova estaría dificultando a normal comunicación de candidatos do sector crítico co conxunto da militancia da organización, iso é o que concordan en denunciar Luís Eyré Palleiro e Xosé Manuel B. Rodríguez, dous dos 10 afiliados de Anova que o domingo 30 de Marzo aspiran a seren eleitos para cubriren os 2 postos que a formación liderada por Beiras terá na candidatura de IU a Europa.

Luís Eyré asegurou na súa conta de Twitter que o documento de presentación da súa candidatura foi obxecto dunha censura parcial.

Luís Eyré, candidato de Anova ás europeas: "Colgo a xustificación da candidatura que o aparato de @Anova_Irmandade censura parcialmente"

Doutra banda, ao limián Xosé Miguel B. Rodríguez foille solicitada a supresión dunha parte do seu escrito por non se axustar ao formato estabelecido pola organización. 

No texto achegado inicialmente --e ao que tivo acceso Sermos Galiza-, Xosé Miguel B. Rodríguez lanza unha dura crítica á alianza con IU e pon en dúbida que esta respondese a un procedemento democrático e horizontal. A secretaria de Organización de Anova, Iolanda P. Docampo, instouno a refacer o documento para se cinguir "ao que dede ser un manifesto/texto de campaña". No arquivo enviado finalmente á militancia, as críticas e denuncias deitadas por Rodríguez, desaparecen. 

Beiras "condicionou claramente o referendo"
No seu escrito inicial, o limián amósase contrario á participación de Anova na candidatura impulsada por Izquierda Unida ás europeas, opción que obtivo a vitoria no referendo interno do 23 de febreiro por tan só 11 votos de diferenza. Para Rodríguez, a "inocente declaración do noso portavoz nacional" --di en alusión a Xosé Manuel Beiras-- "condicionou claramente o resultado do referendo". 

Asemade, denuncia que a militancia descoñeceu os termos do acordo alcanzado entre a dirección política de Anova e IU até o 21 de marzo cando lles foi remitido o texto asinado con data do propio día, "cada quen que tire as súas propias conclusións", subliña o militante no seu escrito. 

Critican a candidatura de Lidia Senra por a consideraren "pre-seleccionada" por Beiras

Lidia Senra, "candidata pre-seleccionada"
Xosé Manuel B. Rodríguez tamén expresa no documento remitido á dirección de Anova o seu rexeitamento ao que considera un "intento de dedazo estilo PP". Nestes termos refírese á candidatura de Lidia Senra --favorita na carreira-- e cuxo nome se deu a coñecer mesmo antes de se iniciar o período de presentación das propostas. Aliás, de novo volta a contar co apoio público de Xosé Manuel Beiras. 

O integrante da asemblea da Limia coida que este comportamento por parte da nova dirección de Anova é un "engano" e visa levar adiante a "espúrea tentación de impor unha candidata pre-seleccionada" por parte de quen, apunta, "presumían de horizontalidade". Asemade, denuncia que a integración de Anova nas listaxes de IU bate contra o pensamento dun dos seus sectores, que é "nacionalista", explica, "non federalista". 

Comentarios