O sector crítico abstense de participar nas primarias do partido instrumental

Ana Seixas perfílase como número 1 de En Marea por A Coruña

En Marea camiña cara ao 28A con todo o aspecto de se presentar en solitario, isto é, sen a compañía de Anova, Podemos e Esquerda Unida. Segundo puido saber Sermos, ningunha destas tres forzas presentaron candidatas ou candidatos ás primarias do partido instrumental. Esta quinta feira concluía o prazo para se presentar ao proceso de selección interna. Os nomes serán dados a coñecer pola organización este domingo 3 de marzo. Ana Seixas é a opción con máis apoios para encabezar a lista da Coruña.

ana seijas mariló canedo en marea
photo_camera Ana Seixas, á esquerda, nunha comparecencia de En Marea

"A día de hoxe o noso cálculo é que En Marea non vai estar connosco na coalición que propomos como Frente Ampla para as eleccións xerais do 28A", din a Sermos fontes do sector crítico, mentres desde a oficialidade do partido instrumental se reitera que a única opción que se contempla desde o villarismo é dar continuidade ao proceso das primarias. "As candidatas elíxenas as persoas inscritas e non os partidos", afirman.

Segundo puido saber Sermos, na circunscrición da Coruña a proposta con máis apoios internos é que a lista ao Congreso a encabece Ana Seixas, viceportavoz da organización, como número 1 e Pancho Casal, deputado e ex dirixente de Podemos Galicia, como número 2. En Ourense perfilaríase como cartaz Iván Olmos, en tanto que Iris Malvido e Teresa Burgos aparecen como opcións con forza en Pontevedra e Lugo, respectivamente.

Ás 23.59 horas da quinta feira concluía o prazo de fechamento para a constitución do censo electoral e a presentación de candidaturas nas primarias da organizacion En Marea (partido que segundo Anova, Podemos e Esquerda Unida é un actor máis que non se pode arrogar a representación da totalidade do espazo rupturista).

Esta sexta feira o comité electoral fará a proclamación provisoria das candidaturas e abrirá un prazo de 24 horas para a subsanación de eventuais erros e a apresentación de hipoteticas reclamacións.

A proclamación definitiva das candidaturas será este domingo, día en que o comité electoral fará públicos os nomes das persoas que concorran a este proceso interno. O inicio da campaña das primarias de En Marea será a segunda feira feira 4M e fechamento, a quinta feira 7M. As votacións serán entre a sexta feira 8M e o domingo 10M. A proclamación provisoria dos resultados, a segunda feira 11M e a definitiva, a cuarta feira 13M.

A este proceso non concorren dirixentes dos tres partidos que se presentaron en coalición ás xerais de xuño de 2016 baixo a marca En Marea. Significa isto que xa está dita a última palabra e que a ruptura entre villarismo e o tripartito Anova-Podemos-Esquerda Unida está consumada? Ben, non necesariamente. "Até a última hora do último día non se pode dar nada por definitivo. Con todo a nosa impresión é que o aparato de En Marea ten tomado unha decisión sen volta atrás", din a Sermos desde o sector crítico.

As fendas no seo da confluencia son moi profundas e atinxen a aspectos estratéxicos. Para o villarismo, a tríade Anova-Podemos-EU é un satélite da dirección estatal de Podemos. Para os críticos, Villares está pensando máis na recomposición do nacionalismo galego (con vistas a unha futura converxencia co BNG) do que en manter, xa non digamos reforzar, os lazos coa esquerda estatal.

O que estaría neste momento totalmente desbotado é que un acordo in extremis se verificase na participación de candidatas e candidatos críticos nas listas de En Marea como partido. 

Por tanto, as dúas opcións que hai sobre a mesa son a) ruptura, En Marea vai como partido e compite coa coalición tripartita Anova-Podemos-EU e b) hai acordo e o tripartito vira en tetrapartito, a coalición amplíase a En Marea. "Xuridicamente non hai máis posibilidades do que esas. Si que estamos traballando en todo caso nunha Fronte Ampla, isto é, en ensanchar a base de apoio da coalición, cos apoios das mareas municipalistas", afirman as fontes coas que falou Sermos.

E como van elixir os partidos criticos as súas candidaturas? Iso vai por barrios. Podemos xa o fixo cunhas primarias en decembro, das que resultaron vencedores Antón Gómez-Reino por A Coruña, Ángela Rodriguez Pam por Pontevedra e Ledicia Piñeiro por Ourense (Lugo ficou vacante por falta de aspirantes). Anova convocará asembleas, un pouco ao estilo do BNG, en tanto que en Esquerda Unida está aínda por decidir quer o formato do proceso de escolla quer os prazos, embora o que din os estatutos da organización é que as candidaturas se elixen en convencións provinciais.

En Marea agradece "o traballo e o compromiso" de Alexandra Fernández

Quen seguro que non vai ser candidata ás xerais é a deputada Alexandra Fernández, quen esta quinta feira anunciou a súa retirada da primeira liña da actividade política. En Marea emitiu esta sexta feira un comunicado en que pondera o seu "traballo e compromiso". 

O paso atrás da parlamentar, o único apoio de Villares no grupo de En Marea no Congreso, é "unha demostración máis da maneira en que Alexandra Fernández entende o servizo público e o carácter cívico ao que se debe a política para ser entendida como unha ferramenta para a sociedade e non un medio de satisfacer intereses persoais". 

Comentarios