Nova remodelación do executivo provincial

O sector de Besteiro manobra para excluír Manuel Martínez do goberno da Deputación de Lugo

A incontestábel vitoria do besteirismo, aliñado coa candidatura de Pedro Sánchez nas primarias socialistas en Lugo, despexa o camiño para resolver os conflitos domésticos que enfronta ao PSOE  na provincia.

Manuel Martínez
photo_camera Manuel Martínez amosando o seu carnet como militante do PSdeG

Tal como anunciabamos en exclusiva na nosa anterior crónica, Álvaro Santos será o vindeiro secretario provincial dos socialistas lugueses, responsabilidade para a que xa foi proposto, só unhas horas despois de Sermos Galiza publicar a nova, polo presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos. Ao tempo comezan os movementos para unha nova remodelación do goberno da corporación provincial, cuestión á que Campos se resiste, e que rematará co cesamento, con case total seguridade após o congreso provincial dos socialistas, de Manuel Martínez como vicepresidente da institución e coa súa exclusión da xunta de goberno.

Os resultados da escolla de delegados para o próximo congreso federal do PSOE enmárcanse nesta batalla. A lista de consenso entre as diferentes faccións do partido, promovida por unha xestora provincial dirixida por ex besteiristas que no proceso de primarias xogaron a carta de Patxi López, finalmente non saíu adiante polo veto á presenza de Manuel Martínez na candidatura por parte dos fieis a Besteiro. A negativa á incorporación do alcalde de Becerreá á candidatura foi precisamente explicitada e defendida por Xavier Cerqueiro, antigo xefe de gabinete de Besteiro no Concello de Lugo e na Deputación, actual portavoz municipal do PSOE no Corgo e un dos afiliados do PSOE máis próximos política e persoalmente ao anterior secretario xeral do PSdeG. Ao fin a  delegación lucense ao congreso federal do PSOE, conformada exclusivamente por afiliados de adscrición sanchista, deixou fóra -alén dos representantes susanistas, nos que se atopaba Martínez- o presidente da Deputación Darío Campos e a alcaldesa da Lugo Lara Méndez, persoas que nos últimos tempos marcaron distancias con Besteiro.

O retorno de Manuel Martínez ao PSOE e o seu nomeamento como vicepresidente da Deputación de Lugo nunca contou co apoio do sector besteirista

O retorno de Manuel Martínez ao PSOE e o seu nomeamento como vicepresidente da Deputación de Lugo nunca contou co apoio dos besteiristas. A súa volta ás filas socialistas, despois de entregar o goberno da deputación ao Partido Popular e facer pinza cos conservadores contra o goberno de coalición do BNG e o PSOE, foi favorecida e impulsada pola xestora de Javier Fernández, por Xosé Blanco e por Darío Campos sen consultar ao partido en Lugo. Tanto é así que esta formalizouse fóra da Galiza, nunha xuntanza na que a maiores do presidente da Deputación de Lugo e o propio Martínez estaba presente o andaluz Mario Jimenez, portavoz da xestora do PSOE e representante na mesma de Susana Díaz. A situación tornouse máis conflitiva a medida que o de Becerreá gañaba peso no goberno provincial en detrimento de destacados besteiristas como Álvaro Santos, apartado da vicepresidencia da institución, ou de Arxelio Fernández, que tivo que cederlle a poderosa delegación de Vías e Obras. Ao tempo, para aumentar a tensión, achegouse ao sector de Ricardo Varela, Xosé Blanco e López Orozco con quen os de Besteiro libraban unha batalla fraticida na provincia.

O tempo de Manuel Martínez acábase e está por ver a quen máis arrastra nunha caída que converte de novo a Deputación nunha ola a presión. A esta altura, a maioría dos seus compañeiros do goberno provincial xa non se recatan de facer públicas a súa crítica e oposición a Martínez. Tanto é así, que a lista da que foi vetado non só estaba apoiada pola grande maioría dos membros do executivo da Deputación, senón que dela facían parte deputados provinciais como Miguel Anxo Sotuela, alcalde de Ribas de Sil e delegado de persoal, ou a concelleira de Antas Pilar Porto. Por outra banda, o seu papel é máis prescindíbel a medida que avanza a lexislatura e o seu voto perde importancia, mesmo para sacar adiante uns orzamentos. E, xa por último, a Besteiro e aos seus fieis interésalles unha situación de interinidade, quer no goberno da Deputación, quer na dirección socialista que imposibilite a aparición dun novo liderado  convencidos de que pode haber unha segunda parte para o antigo barón socialista unha vez resoltos os seus problemas xudiciais.

Comentarios