O sector de Anova partidario de non concorrer a Europa pide unha asemblea extraordinaria

Miguel Anxo Abraira considera que as demisións de máis 10 integrantes da dirección son "lóxicas e coherentes" e que o que está a acontecer na formación que lidera Beiras "é un auténtico despropósito".

abraira
photo_camera [Imaxe tirada do Facebook de Abraira]


O sector de Anova-Irmandade Nacionalista que defendeu no referendo face ás europeas a opción de non concorrer esixe a convocatoria dunha asemblea extraordinaria após coñecer a demisión de máis dez integrantes da dirección desta formación política que lidera Xosé Manuel Beiras. 

Así o sinalou en conversa con Sermos Galiza un d@s dirixentes deste sector, Miguel Anxo Abraira, quen recoñeceu que sabía "desde pola mañá" da segunda feira que as dez persoas presentarían a súa demisión, após manter unha xuntanza na cal Beiras non estivo presente.

"Quen queira ser unha sucursal de IU na Galiza está no seu dereito, mais que non pretenda levarnos a todos cara aí"

Se @s demisionari@s argumentan nun comunicado que a decisión tomada --ir na candidatura de IU a Europa-- "é un erro estratéxico e político que non nos sentimos con ánimo de levar a cabo como cómpre", Abraira acrecenta que "nós entendemos que o que está a pasar en Anova é un auténtico despropósito".

Así as cousas, para alén do resultado do referendo, este militante de Anova sostén que "AGE tamén tivo os seus depropósitos" e que estes erros "eran evidentes para a opinión pública e provocaron un errocamento por parte da militancia contra a liña oficial porque sempre foi contraria a tender pontes". Abraira cita, como exemplo, o acontecido coa deputada Carmen Iglesias, agora no grupo mixto.

"Urxe que a próxima coordenadora aborde a convocatoria dunha asemblea xeral extraordinaria"

Para alén disto, sinala que as votacións do 23 de febreiro foron empregadas á maneira dun "castigo" contra a facción que agora demitiu e que, "como último despropósito", Beiras emitiu un posionamento público en que se afastaba da liña marcada pola dirección de Anova para se colocar do lado do sector crítico, que xa demitira a mediados de decembro --Martiño Noriega, Antón Dobao, Mar Blanco, Xiana López e Xurxo Martínez González--.

Uns días máis tarde Iolanda Pérez Docampo deixou as súas responsabilidades en Acción Feminista. Por tanto, da Permanente escollida o 13 de xullo de 2013 e integrada por Beiras e outr@s 19 membros, demitiron 16. 

"As demisións son lóxicas e coherentes", enfatizou Abraira, acrecentando que, cando da Permanente escollida só quedan 4 integrantes, "urxe que a próxima coordenadora aborde a convocatoria dunha asemblea xeral extraordinaria".

"Sorprende tanta chamada á rebeldía para que remate por se integrar no sistema, permitindo que Yolanda Díaz saia na prensa dicindo que os postos de saída serán escollidos non por Anova, senón por AGE"

Este militante subliña que "non hai que se rasgar as vestiduras porque aconteza isto, o que hai é que colocar as cartas riba da mesa" e "quen queira ser unha sucursal de IU na Galiza está no seu dereito, mais que non pretenda levarnos a todos cara aí".

Porque para Miguel Anxo Abraira, a organización de Beiras non vai concorrer en igualdade de condicións con IU ás europeas senón "dentro da súa candidatura, dentro do seu programa e sabendo que os mítines na Galiza os vai dar o seu cabeza de lista".

A derradeira crítica, para o voceiro da formación e voceiro parlamentar de AGE: "sorprende tanta chamada á rebeldía para que remate por se integrar no sistema, permitindo que Yolanda Díaz saia na prensa dicindo que os postos de saída serán escollidos non por Anova, senón por AGE". 

Comentarios