Carmen Santos, secretaria xeral de Podemos

"Carolina estivo desde o minuto un implicada coa organización na Galiza"

Carmen Santos (Porto do Son, 1981) é secretaria xeral de Podemos na Galiza desde 2016, cargo ao que renuncia no proceso asemblear en que está sumido o partido. A principal valedora de Carolina Bescansa, que pugna con Antón Gómez-Reino por dirixir a formación morada, afirma que deixa a Secretaría Xeral, que require de moito traballo interno, para se centrar no ámbito institucional.

[Imaxe: Podemos] Carmen Santos
photo_camera [Imaxe: Podemos] Carmen Santos

-Que balanzo fai da súa xestión á fronte de Podemos na Galiza?

-É positivo porque cando asumín as rendas do partido era un momento moi complicado, de gran confrontación despois da dimisión en bloque para que caese Breogán Riobóo. Un momento en que o partido estaba moi dividido. Houbo que facer un traballo moi grande de pacificación e de unión dentro das nosas diferenzas e eu tiven que estar moi centrada nestas tarefas. Aínda que fixemos cousas, a min gustaríame ter estado máis centrada en cuestións de clave política mais sen a pacificación interna era imposíbel. Conseguimos a pacificación e a unión e de feito a candidatura que eu avalo é unha candidatura de integración, onde hai xente que traballou desde 2014, que traballou despois de 2016, xente da lista de Ángela Rodríguez, xente da lista de Riobóo, xente que non era de ninguén. Estou contenta porque coa outra candidatura hai boa relación, a pacificación foi real, independentemente de que sexan dous modelos distintos para o partido.

-Cales son eses modelos de partido?

-Hai unha parte que cremos que un Podemos forte, que teña autonomía, é fundamental para lograr o bloque de unidade que vai facer fronte ao PP, onde se tecerán alianzas pre e postelectorais con distintas forzas para ter unha maioría social suficiente para ter unha alternativa a Feixoo baseada nun programa e hai xente que ve unha confluencia sen ter un modelo consolidado coma nós, que si temos un modelo territorial claro. Non cremos en espazos mixtos, mestizos, sen ter pechado iso antes. A outra candidatura avoga pola confluencia en abstracto, non vemos moi ben cal é o seu proxecto e é o que quereriamos saber e creo que aos inscritos é o que lles debería importar.

"Son nacionalista do xeito que vía o nacionalismo en clave federalista Castelao"

-Un dos momentos chave do seu mandato é o lanzamento e conformación de En Marea na Galiza, que remata co seu salto ao Parlamento. Que destaca dese proceso e da súa actividade parlamentar?

-Téñolle moito respecto a cada un dos deputados do grupo e damos cada un o mellor de nós. Temos diferenzas en relación a como se ten que articular a unidade mais temos claro o programa practicamente en todo. Si que diferimos no modelo territorial. Desde a candidatura de Carolina [Bescansa] apostamos máis por un proceso constituínte que por estar referenciándonos en Catalunya. Non vemos igual como se artella o problema territorial real que existe no Estado. Sen partir dunha tese independentista, Carolina teno moi claro, e eu, como Carmen Santos, que son nacionalista do xeito que vía o nacionalismo e o autogoberno galego en clave federalista Castelao, creo que hai que poñer sobre a mesa un proceso constituínte que poida abrir a vía dunha reforma constitucional profunda.

-Que a leva a presentar a súa renuncia á dirección de Podemos e a non continuar á fronte da Secretaría Xeral?

-O meu papel e o meu obxectivo cumprinos. Foron dous anos moi intensos e agora, despois de traballar de maneira incansábel en procesos internos, apetéceme centrarme en temas máis programáticos e de modelo. A Secretaría Xeral require moito traballo interno e eu podo facer un papel fundamental noutro eido institucional a nivel Galiza, ao igual que Carolina a nivel estatal, e iso vai ser moi bo para construír á alternativa a Feixoo.

-Que lle responde a quen di que Bescansa é unha paracaidista sen vinculación a Galiza e a quen considera que a súa candidatura representa un xiro centralista en Podemos?

-Carolina estivo desde o minuto un implicada coa organización na Galiza, coas cuestións galegas e por respecto aos deputados do grupo confederal de En Marea non quixo coller ese protagonismo. Houbo unha petición unánime da dirección e de gran parte das bases para que ela viñese cando eu decidín que outra persoa continuase co labor que eu viña desenvolvendo. Ela non é en absoluto paracaidista porque sempre estivo e tivo sempre unha relación con todos nós. Quen renega dunha persoa como Carolina está rexeitando todas as galegas e galegos que están vivindo fóra de Galiza por unha cuestión da nefasta xestión de Feixoo e os problemas do mercado laboral e de modelo que ten Galiza. Quen renega de Carolina está poñendo o dedo acusador ao chamarlle paracaidista a calquera que queira volver a Galiza e está pendente da nosa terra, iso é antigalego e antiamor a Galiza.

“É a primeira vez que vou asistir ao plenario de En Marea e Carolina tamén vai asistir”

O 27 de outubro En Marea celebra o seu plenario. Cal é a súa postura ao respecto?

Imos participar en todo o que sexa contribuír para seguir ampliando os espazos de cambio e mellorar os espazos de cambio desde a lóxica dos programas e dos modelosVou asistir a ese plenario. É a primeira vez que vou asistir e Carolina tamén vai asistir. E a xente que impulsa este proxecto vai intentar asistir para intentar mediar no conflito que hai desde un punto de vista de modelo e de programa. Nós queremos participar como organización.

Comentarios