Santos ve "insensata" a proposta de Villares de consultar as bases sobre a demisión de Quinteiro

A secretaria xeral de Podemos cargou duramente esta segunda feira contra Luís Villares. A alianza táctica que ambos dirixentes mantiveron durante destes meses sae moi tocada da crise Quinteiro. Santos cualificou de "insensatez" e "loucura" a proposta do portavoz de En Marea de consultar ás bases da confluencia a eventual demisión da parlamentar de Podemos-Anticapitalistas.

photo_camera Carmen Santos

Na política de comunicación de Podemos Galiza as tardes das segundas feiras están riscadas en vermello. É cando comparece perante a imprensa a súa secretaria xeral, Carmen Santos. Após a paréntese destes días feriados, a dirixente do partido morado voltou con anovados folgos. E con Luís Villares, con quen en tempos mantivo unha alianza táctica dentro da confluencia, no ponto de mira.

Santos bateu en Villares, ao que responsabilizou de reabrir a crise Quinteiro coas súas declaracións desta segunda feira [o portavoz de En Marea reiterou que ao seu xuízo a parlamentar de Podemos que se viu envolvida nun incidente de madrugada coa policía local de Compostela debía renunciar ao seu cargo no Hórreo]. Para a secretaria xeral de Podemos Galiza, o asunto xa ficara finiquitado "antes da semana santa", na reunión do grupo parlamentar en que por clara maioría se resolveu a continuidade da deputada de Anticapitalistas [só votaron a prol da renuncia de Quinteiro Paula Vázquez Verao (Cerna) e Davide Rodríguez (Anova), mentres Villares optou pola abstención].

"Insensatez" e "loucura". Con estas palabras descualificou Santos unha eventual consulta ás bases da confluencia sobre esta crise, proposta deslizada esta mesma mañá por Villares. "É unha irresponsabilidade submeter a vontade dos inscritos unha cuestión que non é política. Para Podemos é inasumíbel, non lle imos dicer ao partido instrumental [En Marea] o que debe ou non facer. Mais hai que protexer o espazo do cambio e con esa decisión non se fai". Delegar nas persoas inscritas a decisión sobre a continuidade ou non de Quinterio sería tanto como facer "un xuízo na praza do pobo" a cargo do "tribunal da Inquisición", atacou Santos.

Deu un chanzo máis nas críticas a Villares a secretaria xeral de Podemos Galiza ao deixar entrever que o líder da confluencia lle facía o xogo á estratexia do PP, que exixe a demisión de Quinteiro desde o minuto 1 da crise. 

"Hai que ser valentes e ser feministas, non só o 8 de marzo. Isto é unha caza de bruxas da dereita, orquestrada por homes contra unha muller e para danar o espazo do cambio, non para danar Paula Quinteiro", remachou.


 

Comentarios