Santos rexeita disolver Podemos para se integrar en En Marea

A secretaria xeral de Podemos na Galiza, Carmen Santos, desbota a opción de que o partido se disolva para se integrar en En Marea no proceso de renovación do Consello das Mareas.

Carmen Santos
photo_camera Carmen Santos

No contexto de renovación do Consello das Mareas –máximo órgano de decisión do partido instrumental–, a secretaria xeral de Podemos na Galiza, Carmen Santos, rexeita a disolución da formación morada. Así o puxo de manifesto nunha entrevista concedida a RNE. “Podemos vai traballar para estar no Consello como organización política, mais non para desaparecer”, advertiu.

Crítica coa actual dirección do partido instrumental, a líder de Podemos na Galiza sinalou que “é dificilmente explicábel que unha dirección dun conxunto unitario de organizacións, partidos e persoas individuais digan que son a unidade se falta na cúpula a xente elixida democraticamente. Se non están nesa dirección EU, Anova nin as tres mareas municipais, que é En Marea?”

Carmen Santos afirmou que Podemos sempre foi claro coa integración “da unidade popular” nun partido instrumental, que definiu como “ferramenta xurídica” coa que varias forzas se presentan ás eleccións, mais asegurou que “non eran” a que querían. “Á cidadanía non lle interesa a fórmula idónea, porque o que quere ver son políticas e unidade”, agregou ao respeito.

Preguntada sobre as eleccións municipais, asegurou que o obxectivo para por formar “gobernos de cambio” con listaxes “o máis amplas posíbel”. Así, ratificou que Podemos defende “un diálogo fraterno e positivo” co resto de organizacións que integran En Marea.

Comentarios