Santos apoia Quinteiro e di que a decisión de demitir ou non lle corresponde só a ela

Esa sexta feira o Consello das Mareas pode resolver pedir a Paula Quinteiro que deixe a acta de parlamentar, após se ver envolvida nun incidente coa polícía local de Compostela. A súa xefa política en Podemos Galiza, Carmen Santos, transmitiulle esta quinta feira o seu apoio "como compañeira e como persoa". Santos afirma que a decisión de demitir ou non lle corresponde "unicamente" a Quinteiro.

carmen santos podemos
photo_camera Santos, nun encontro cos meios

Podemos e Esquerda Unida emitiron esta quinta feira sinais clarísimas de que, ao seu xuízo, non é ao Consello das Mareas a quen lle compete resolver se Quinteiro debe renunciar ou non á acta de deputada. Primeiro foi Eva Solla quen -perguntada pola reunión do máximo órgao da confluencia entre plenarios, axendada para esta sexta feira- replicou que ela só respondía pola reunión tida onte polo grupo parlamentar da confluencia. E a seguir engadiu que nesa reunión ninguén lle demandou a Quinteiro que abandonase o Parlamento.

Marca tamén distancias co Consello das Mareas Carmen Santos, quen sitúa a decisión de demitir ou non "unicamente" en Paula Quinteiro, a quen -en declaracións realizadas en Boiro- transmite todo o seu apoio "como compañeira e persoa". A parlamentar tería oferecido desculpas "sinceras e honestas".

A número un de Podemos Galiza remarcou a súa oposición a calquera acto de vandalismo -o incidente en que se viu envolvida Quinteiro veu precedido da rotura de espellos retrovisores de varios vehículos estacionados nunha rúa de Compostela, na madrugada do sábado a domingo- e ao tempo mostrouse certa de que a súa compañeira de organización secunda o seu repudio da violencia.

Quinteiro nega as acusacións contidas no atestado policial -responsabilízana de ter impedido a identificación dun mozo- e afirma que só interveu nos feitos -mostrou a súa identificación como parlamentar- para mediar e tentar calmar os ánimos.

Santos pasou ao contra-ataque e puxo no seu ponto de mira Feijóo: "Temos que ser respeitosos co noso cargo, mais temos que selo todas. Feijóo non é a primeira vez que ataca e pede responsabilidades a deputadas e deputados que logo no aplica nas súas filas".

Para a secretaria xeral de Podemos Galiza, a ofensiva do PP contra En Marea por esta asunto constitúe un "acoso e derrubo" desmedido: os feitos en que se viu envolvida Quinteiro -"por moito que podan ser mellorábeis"- non se tratan "coa mesma vara de medir" coa que se abordan as historias de corrupción do PP, ou lances como "o señor Feijóo paseando con narcotraficantes" ou "Cifuentes falsificando títulos universitarios".

Paula Quinteiro milita en Podemos, mais na corrente Anticapitalistas, crítica con Santos.

Comentarios