O debate arredor dos estatutos internos

Santos mantense leal a Iglesias ante a "rebelión" da maior parte das organizacións territoriais

11 das 16 comisións de garantías "autonómicas" de Podemos piden á dirección central do partido que revoque os actuais Estatutos -por teren sido aprobados fóra de Vistalegre II- e que restitúa no seu posto a responsábel do órgao estatal encarregado de cumprir coa legalidade interna. Entre esas comisións "autonómicas" non figura a galega. Carmen Santos opina que os Estatutos si estarían "no marco do aprobado en Vistalegre".

photo_camera Carmen Santos

No conflito entre a maioría das comisións de garantías "autonómicas" e a dirección estatal de Podemos, a organización galega do partido morado colócase inequivocamente acarón de Pablo Iglesias. Respaldan os seus estatutos e a súa decisión de afastar Olga Jiménez da presidencia da comisión de garantías estatal.

Jiménez caeu en desgraza ao cuestionar os estatutos aprobados pola actual dirección -que outorgan á equipa de Pablo Iglesias novos poderes disciplinarios, por exemplo contra dirixentes que filtren información interna aos meios- co argumento de que estas normas terían de ter sido debatidas e sancionadas polo congreso partidario de Vistalegre II.

Para Jiménez, o órgao competente para a aprobación duns novos Estatutos é a Asemblea Cidadá estatal e non a Executiva. A raíz desa toma de posición, a presidenta da Comisión de Garantías foi suspendida do seu cargo a pasada cuarta feira e hai aberto contra ela -polo mesmo órgao que até de agora dirixía- un expediente por considerar a cúpula estatal que se tería "excedido" nas súas atribucións.

A queda de Jiménez reabriu as feridas internas no seo da organización, moi abalada no pasado polo confronto entre a maioría pablista e a minoría errejonista. Por vez primeira desde que Iglesias é líder, un motín interno estendeuse até o ponto de agrupar a maioría dos territorios. 

Destarte, esta quinta feira 11 das 16 organizacións territoriais aprobaron unha declaración conxunta en que demandan á dirección a revogación dos Estatutos -concordan con Jiménez en que Iglesias se tería extralimitado por os ter aprobado fóra de Vistalegre II- e a restitución no seu cargo da suspendida presidenta da comisión estatal.

Na reunión participaron un total de 12 comisións territoriais. A única que non avalou a declaración é Cantabria, que optou pola abstención. Os territorios críticos serían MadridAndalucíaCatalunyaComunidade ValenciáEuskadiCastela-A ManchaCastela e LeónAsturiasCanariasNavarra e A Rioxa. Non acudiron á reunión -e portanto enténdese que son fieis a Iglesias- Galiza, Aragón, Estremadura e Murcia. [Baleares aínda non constituíu a súa comisión de garantías].

O asunto é serio. As comisións rebeldes consideran "nulos de pleno direito" os novos estatutos e falan abertamente de "crise". Hai máis: proclaman a súa "necesaria independencia" a respeito da dirección estatal e afirman teren sido obxecto de "presións" por parte da Comisión Xeral de Garantías Estatais, motivo polo que exixen un "marco de respeito e colaboración".

Entre as rebeldes non está a organización galega, liderada por unha Carmen Santos que sempre se ten caracterizado por se manter leal nos confrontos internos a Iglesias. Nesta ocasión non ía ser distinto. En declaracións a Europa Press, a secretaria xeral da formación na Galiza garantiu que os novos estatutos si que se insiren "no marco" do aprobado en Vistalegre II co horizonte posto en "continuar a fortalecer un partido que quer gobernar un país".

Santos -embora admitir que "sempre pode haber matices" sobre esta cuestión- recalcou que a dirección estatal de Podemos "estivo aberta a incorporar calquera cuestión ou proposta" en relación á reforma dos estatutos da organización.

Comentarios