Santos considera que Iglesias desautorizouna ao tempo que se desautorizou el propio

A secretaria xeral de Podemos Galiza presenta candidatura ás primarias de En Marea

photo_camera Carmen Santos_Podemos Galiza

'Roma locuta, causa finita' (Roma falou, caso fechado). A locución latina vén como anel ao dedo ao acontecido con Podemos Galiza nestes días. Unha intervención do secretario xeral, Pablo Iglesias, chegou e bastou para que todos calasen e asumisen o ordenado desde a autoridade inapelábel do líder nunha organización que se gaba de asamblearia e democrática. Mais o malestar interno en Podemos Galiza pola forma e polo fondo da decisión (integrar Podemos en En Marea) mantense en certos sectores podemitas. A propia Carmen Santos recoñeceu nunha asemblea que este sábado decorreu no Parque de Bonaval (Compostela), que se sentiu “desuatorizada” por Pablo Iglesias, apontando ademais que con esa forma de actuar Iglesias tamén se desautorizaba a si propio.

Porén, a vida continúa e por iso desde Podemos Galiza van presentar as súas candidaturas para o proceso de primarias de En Marea. Esta terza e esta cuarta feira será a quenda de votacións das que sairán as listas para as eleccións do 25 de setembro. O candidato xa está claro: Luis Villares, nome que tamén tivo que asumir Podemos Galiza, renunciando a un proceso propio. Carmen Santos presentará candidatura por Pontevedra, Alejandro Hermida por Ourense, Natalia Prieto por Lugo e Magdalena Barahona por Coruña.

O número de persoas que apoia o 'manifesto dos alcaldes' supera as 5.000. Son as que teñen dereito a tomar parte nas primarias de En Marea. Cifra ás que se engade agora os dos inscritos podemitas, cun censo activo que eles propios cifran en 15.000. Na consulta interna para opinar sobre o modo de confluencia con En Marea participaron 6.000, polo que, de se repetir ese nivel de participación, poderían decantar o resultado das primarias.

Comentarios