Santos afonda a crise da confluencia ao cuestionar o modelo de En Marea e propor unha coalición

Xa non é só o affaire Quinteiro. Está en cuestión o propio modelo de En Marea como partido instrumental, como organización de adscrición invididual e de ámbito nacional galego. Ese deseño non lle vale á actual dirección de Podemos na Galiza. Carmen Santos suxeriu esta segunda feira ir a unha coalición "como en Catalunya".

carmen santos podemos
photo_camera Carmen Santos

"En vista do que pasou estes días [clara alusión ao asunto Quinteiro], consideramos que chegou o momento de apostar na coalición e na inclusión de Podemos como tal no proxecto de unidade galego", declarou esta segunda feira Carmen Santos na súa xa tradicional comparecencia perante a imprensa de comezo de semana. Unha coalición ou unha federación de partidos, mais non unha organización unitaria en que estes se disolvan. Esa é a configuración orgánica que defende Santos para a confluencia.

Santos -que nunca acreditou na fórmula de En Marea como un partido de afiliación individual e órgaos soberanos radicados na Galiza- ten o aval dos acordos adoptados esta pasada sexta feira polo Consello Autonómico de Podemos Galiza, órgao partidario tamén de revisar as relacións co resto de componentes das forzas do autodenominado espazo de ruptura.

En realidade, Podemos Galiza nunca estivo cómoda coa actual estrutura orgánica da confluencia. Antes de En Marea se constituír como tal, as persoas inscritas da formación morada na Galiza votaran a prol de constituír unha coalición con Anova e Esquerda Unida e marés tipo Marea Atlántica. Non houbo tal porque desde Madrid Pablo Iglesias impuxo a integración no partido instrumental. Santos eludiu o confronto co seu xefe político e acabou por aceitar.

Santos nunca acreditou na fórmula de En Marea como un partido de afiliación individual e órgaos soberanos radicados na Galiza

Santos aproveita agora a crise Quinteiro para proclamar que o "partido instrumental", tal e como foi deseñado na asemblea constitutiva da confluencia, "non funciona" e que, por tanto, é ben redefinir o marco da relación de Podemos coas outras forzas rupturistas. "Os acordos de Vigo", dixo en relación á asemblea fundacional de En Marea, non son os que maioritariamente apoian as persoas inscritas en Podemos. De feito, alegou, a maior parte destas persoas non se deron de alta no censo da confluencia, que apenas estaría constituído por 2.400 persoas.

A aposta na unidade non muda, enfatizou; os aliados, tampouco. O que debe variar é o "encaixe" para que "todos" se sintan representados. "Os nosos inscritos non votaron para que estivésemos [no partido instrumental], senón para que nos apresentásemos xuntos ás eleccións".

Sobre o affaire Quinteiro, Santos deixou dúas mensaxes. A primeira, un recado a Luís Villares para que retire a consulta telemática sobre a continuidade da parlamentar. A segunda, unha frase: Quinteiro "non está denunciada nen imputada" e este asunto debería terse "xestionado" nun prazo de 24 ou 48 horas". "Un incidente menor, segundo a policía local, non pode ser tres semanas noticia cando hai problemas que afectan os cidadáns", dixo.

Podemos Galiza apenas participa nas asembleas de En Marea -boicotou os seus dous últimos plenarios-, máis ten 50 por cento do grupo parlamentar (dada a súa alianza con EU e a Anova oficial, as súas posicións no Pazo do Hórreo son maioritarias).

Comentarios