Goretti Sanmartín. Candidata do BNG á alcaldía de Santiago

“Santiago precisa dun maior liderado e de capacidade de diálogo con outras administracións”

Goretti Sanmartín Rei é a candidata do BNG á alcaldía de Santiago. É portavoz municipal do BNG, vicepresidenta da Deputación da Coruña e coordinadora da Executiva do BNG. É profesora universitaria e impartiu docencia, entre outros centros, no Instituto de Idiomas da Universidade e no Instituto Eduardo Pondal. Responde este cuestionario a través do correo electrónico.

goretti
photo_camera Goretti Sanmartín Rei

Que supuxeron estes catro anos para o seu concello?

Logo da etapa negra do PP, Santiago sufriu un estancamento co goberno de Compostela Aberta por mor da falta de dirección para reestruturar internamente o Concello para aprobar proxectos e licenzas, cando é moi necesario apoiar a reindustrialización, a dotación de servizos para fixar poboación na zona histórica e no rural e para a apertura de negocios co obxectivo de evitar que a xente teña que emigrar por falta de oportunidades laborais. Os erros de xestión levaron a que máis dunha ducia de servizos públicos se prestasen sen contrato e sen garantías legais. 

No ámbito de melloras no rural foi determinante a creación do Plan único da Deputación

No ámbito de melloras no rural foi determinante a creación do Plan único da Deputación que consignou entre 2015 e 2019 un total de 8.229.228 euros, máis de tres millóns máis que no mandato anterior, e tamén o apoio das liñas da área de Cultura a Festivais como Curtocircuíto ou Cineuropa para alén de axudar ao importante tecido social de Compostela tras duplicar o orzamento cultural. Unha xestión con liñas en concorrencia competitiva que valoran os proxectos, a traxectoria e a creatividade, significou o apoio a asociacións, fundacións e mesmo iniciativas privadas -a través da liña de proxectos singulares- que operan en Santiago de Compostela e responder á condición cultural do concello.

Como valora o traballo desenvolvido pola Alcaldía?

Santiago de Compostela precisa dun maior liderado e de capacidade de diálogo con outras administracións, porque é o xeito de evitar a actual discriminación que sofre a capital de Galiza.

Foron catro anos perdidos para grandes infraestruturas

Nese sentido, foron catro anos perdidos para grandes infraestruturas como a construción da estación depuradora e a estación intermodal, por falta de peso político en Santiago de Compostela. Tampouco foi quen de darlle un xiro ao Consorcio, cando se pode reorientar para incrementar as axudas á rehabilitación de vivendas e locais para contribuír á xeración de emprego e á conservación do patrimonio.

E o traballo realizado polo seu partido?

O BNG tivo a man tendida para sacar adiante temas de interese para a veciñanza, ao facilitar a aprobación dos orzamentos municipais.

O BNG tivo a man tendida para sacar adiante temas de interese para a veciñanza

Tamén conseguiu que algunhas das iniciativas que presentamos, como a recuperación do espazo do Banquete de Conxo, o parque das Hortas, as pistas de skate, a duplicación de orzamento de bolsas de comedor e actividades extraescolares e novas zonas de aparcadoiro se materializasen. Mais aprobáronse en pleno moitas outras que o goberno non executou; tocará realizalas após o 26 de maio.

Cal é a principal necesidade do seu concello?

Incluír a igualdade, inclusividade e accesibilidade de xeito transversal en todas as políticas municipais. Con iso teremos un concello sen discriminacións e que procure xustiza social no ámbito do emprego, do feminismo e da protección ambiental para contribuír a mellorar a igualdade de oportunidades, como lle corresponde ás administracións.

Incluír a igualdade, inclusividade e accesibilidade de xeito transversal

O BNG presenta unha lista encabezada por mulleres, acorde coa transformación que está a vivir a sociedade neste momento histórico, e imos demostralo na práctica cando gobernemos.

En relación a iso, cal será a primeira medida que impulsará no novo mandato se está no goberno?

A creación do Consorcio Compostelán polo Emprego, onde lideraremos a coordinación con outras administracións, sindicatos, Universidade, Cámara de Comercio e asociacións empresariais para aunar esforzos e aproveitar sinerxias, co fin de reducir a fenda de xénero, a precariedade laboral e a emigración, para crear postos de traballo mediante un viveiro que diversifique o comercio na cidade histórica e outro viveiro empresarial, ademais de desbloquear o departamento de Urbanismo para axilizar trámites e licenzas mediante a creación dunha xanela única e oficina de asesoramento.

Iso é fundamental para a reindustrialización, ademais da aposta do BNG pola compostaxe e que a administración municipal sexa áxil e beneficiosa para o conxunto da poboación.

Comentarios