domingo 25/07/21

Santiago fai balance no ecuador de Bugallo

Santiago de Compostela, "sen modelo de cidade nin servizos municipais de calidade". Eis a crítica na que coinciden tanto populares, Compostela Aberta e BNG. Porén, desde o Goberno municipal de Sánchez Bugallo reivindican que todos os compromisos asinados polo PSdeG en campaña "están en marcha".
O Goberno local destaca o seu compromiso con Santiago e a xestión realizada durante a pandemia (Foto: Arxina)
O Goberno local destaca o seu compromiso con Santiago e a xestión realizada durante a pandemia (Foto: Arxina)

Após gobernar Santiago de 1998 a 2011, o socialista Xosé Sánchez Bugallo retornou á Alcaldía hai dous anos, ao superar nas urnas á Compostela Aberta do ex rexedor Martiño Noriega. En pleno ecuador do mandato, Nós Diario conversa cos grupos municipais sobre a valoración destes dous anos e os retos de futuro.

Compromisos "en marcha"

"Foron dous anos moi complicados, houbo que sumar aos obxectivos do programa electoral unhas obrigas que non estaban previstas e que apareceron coa pandemia", recoñece o voceiro do grupo municipal do PSdeG, Gumersindo Guinarte. "Asumimos a responsabilidade de dar resposta ás necesidades máis urxentes", afirma, sobre unha cidade "cun peso moi importante do turismo e por tanto da hostalaría e dos servizos vinculados á oferta turística".

Lembra que antes dos comicios comprometéronse co Foro Cívico a traballar cinco eixos: a industrialización, a estación intermodal, a depuradora de augas residuais, a mellora das conexións e infraestruturas, e a modernización da Administración. “Hoxe está todo en marcha", di, e sinalan que a nova depuradora está en proceso de licitación, a intermodal está licitada e a creación do biopolo de innovación en biotecnoloxía no polígono da Sionlla "vai ben" e nun ano será realidade. 

"Non hai melloras", di o PP

O portavoz do PP en Compostela, Alejandro Sánchez-Brunete, considera que o discurso do rexedor mellorou respecto ao de Martiño Noriega. "Xa non hai un alcalde que asuste a opinión publica cuestionando a ofrenda ao Apóstolo ou amparando o movemento okupa", mais "fóra desa mellora discursiva non hai melloras na cidade". Para o popular, o mantemento da urbe "deixa moito que desexar" no que ten a ver co estado das beirarrúas, a recollida do lixo ou o transporte público. 

En canto ao proxecto de desenvolvemento de industrias tecnolóxicas na Sionlla lamenta que, a pesar do investimento da Xunta, o Concello non foi quen de acometer a súa encomenda: achegar unha parcela, co que "pon en risco" os fondos mobilizados. 

Compostela Aberta ve dous anos "perdidos"

Para a voceira de Compostela Aberta (CA), Marta Lois, estes dous anos foron “perdidos”, xa que non hai “proxecto de cidade” e o Goberno vive “da herdanza recibida, pois todas as infraestruturas das que Bugallo presume foron impulsadas por CA, como a intermodal, a depuradora, o viario de Clara Campoamor...". 

Lois reclama medidas de esquerda e lamenta que con Bugallo se producise un “retroceso en políticas sociais”. De facto, sinala que CA deixou orzado un centro municipal para persoas sen fogar e o actual Goberno desmantelouno, deixando ademais parada a renda de garantía básica impulsada por Noriega. 

Tamén carga contra "o desleixo" do Consistorio pola industrialización "que mesmo está a pór en risco unha subvención de catro millóns do Igape para a Sionlla". Aliás, reclama que o Concello se abra a estudar a posibilidade de remunicipalizar o servizo da auga.

O BNG pide políticas sociais e economía diversificada

“O alcalde exerce como delegado da Xunta e do Estado en vez de defender os intereses da veciñanza”, considera a voceira do BNG, Goretti Sanmartín, criticando que non reclame "débedas históricas" das Administracións con Compostela. Considera que Bugallo debe exixir o incremento da cantidade que recibe Compostela polo Estatuto de capitalidade, xa que “está a ter menos da metade do que lle corresponde". Bota en falta que se incrementen as partidas para o Consorcio, agora sen capacidade económica, para así pór en marcha rehabilitacións na cidade.

Sanmartín ve o Concello “incapaz", pois “de cada 100 euros, deixan sen gastar 78”. Tamén lamenta o “abandono total de barrios e parroquias” no que ten a ver cos servizos do lixo, transporte colectivo, seguranza viaria ou a falta de investimento en saneamento e abastecemento no rural. 

É un "Goberno instalado en políticas de dereitas e rancias", afirma, criticando a “eliminación do carácter universal do servizo de comedores escolares ou o incremento abusivo dos prezos dos servizos de conciliación”. 

Conclúe exixindo un centro de día nas Fontiñas e a creación de sinerxías para dotar Santiago dunha economía diversificada que xere emprego de calidade. 

comentarios