Compostela apoiará a candidatura da Coruña para acoller a sede da Axencia de Intelixencia Artificial

Xosé Sánchez Bugallo afirmou que porá a disposición da Coruña os recursos da capital da Galiza.
Reunión do Concello de Santiago con axentes económicos e sociais da cidade. (Foto: Europa Press)
photo_camera Reunión do Concello de Santiago con axentes económicos e sociais da cidade. (Foto: Europa Press)

Santiago de Compostela apoiará a candidatura galega para acoller a Axencia Española para a Supervisión da Intelixencia Artificial (Aesia). Así o decidiu o Goberno local despois de manter unha xuntanza valorativa con axentes económicos e sociais da cidade.

Nesta reunión participaron o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo; varios concelleiros; os portavoces dos grupos da Corporación municipal, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, e representantes da Cámara de Comercio, o Club Financeiro, o Foro Cívico e da Asociación empresarial do Tambre.

 Sánchez Bugallo, que asistiu de maneira telemática á reunión após dar positivo en Covid-19, explicou que o Concello toma esta decisión “unánime” porque "a unión dos activos de ambas as dúas cidades fará que realmente A Coruña compita".

"Como capital da Galiza temos o deber de apoiar a candidatura do país e, aínda que discrepamos nos criterios que se empregaron para tomar esa decisión, nós non imos debilitala, imos colaborar con ela", manifestou o alcalde.

Bugallo tende a man

Todas as partes da reunión acordaron que, tras a decisión que tomou o Nodo de Intelixencia Artificial (Nodo GalicIA) de apoiar a candidatura da Coruña, e aínda que o baremo empregado pola Xunta da Galiza foi "diferente ao que estabelece o xa que o papel de Compostela debe ser “apoiar a candidatura galega”.

O rexedor tamén afirmou que prestará á cidade herculina os activos da cidade para armar unha candidatura "deixando fóra localismos". "A Coruña poderá contar coas achegas da nosa universidade, do noso aeroporto e das instalacións e servizos que teñen a súa sede en Santiago", salientou Sánchez Bugallo en referencia ao Centro de Supercomputación da Galiza (Cesga) e á Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Galiza (Amtega).

Horas despois de coñecerse a decisión de que a cidade herculina tería a candidatura que contaría co apoio da Xunta, o propio Sánchez Bugallo abrira a porta a formular alegacións á decisión do Goberno galego, algo que finalmente non ocorrerá.

Ademais, o alcalde criticou que o Executivo de Alfonso Rueda estabelecese máis de 200 indicadores propios que eran "distintos" aos criterios deseñados polo Goberno español para levar a cabo o proceso de selección final. "Non tería sentido gañar a carreira na Galiza e logo perdela no Estado español", sentenciou.

Comentarios