Santalices pide disposición para chegar a acordos

Iniciou oficialmente a XI lexislatura no Parlamento galego.
Miguel Santalices, onte, na sesión solemne na Cámara galega
photo_camera Miguel Santalices na sesión solemne na Cámara galega (Imaxe: Arxina)

O presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices Vieira (PP), fixo un chamamento ás e aos deputados que sentan no hemiciclo nesta XI lexislatura para dedicar "polo menos tanto esforzo a forxar acordos como a escenificar as diferenzas", algo que, baixo o seu punto de vista, a cidadanía "pide a berros". Aludindo ao contexto de crise social, económica e sanitaria derivada da pandemia, o xefe do poder lexislativo subliñou que “a nosa predisposición para o acordo e a procura de consensos amplos nos asuntos de interese xeral para o país debería ser absoluta”.

"Sería unha irresponsabilidade non escoitar esa demanda reiterada", sentenciou Santalices na terza feira, 8 de setembro, na declaración institucional que leu con motivo da sesión solemne de apertura da lexislatura ante as e os 75 deputados que sentan na Cámara (42 do Partido Popular, 19 do Bloque Nacionalista Galego e 14 do Partido dos Socialistas de Galicia). Á sesión acudiron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e todas as e os conselleiros que compoñen o novo Executivo.

Miguel Santalices tamén situou a "exemplaridade" como "exixencia ineludíbel" dos cargos públicos, tanto "no exercicio das responsabilidades" que lles foron encomendadas como no seu proceder cotián "no ámbito privado".

E rememorou que na antiga Roma, no xuízo póstumo dunha personalidade pública, en concreto a dos emperadores, podíanse acabar impondo castigos como a 'Damnatio memoriae', que implicaba a condena ao esquecemento; ou, pola contra, recoñecementos como a 'Apotheosis', que divinizaba a persoa homenaxeada polos seus logros en vida.

"Infelizmente, na política contemporánea abundan máis os primeiros casos que os segundos. Cambiar esa tendencia é unha responsabilidade compartida e tamén unha necesidade imperiosa, non tanto para preservar o bo nome duns ou doutros, senón para cambiar o rumbo da espiral  autodestrutiva en que, ás veces, estamos instalados a política e os políticos", advertiu Santalices.

"Superar a crise de credibilidade da política e das institucións, crises, certamente, menos acentuadas na Galiza que na nosa contorna", apostilou, "exixe dunha resposta contundente e continuada por parte de todos", agregou na sesión o presidente da Cámara galega.

Comentarios