A Presidencia do Parlamento exclúe 'Nós Diario' dunha mesa de medios sobre o Estatuto

Na mesa redonda Contribución da prensa galega á consolidación da Autonomía. Análise e perspectivas, organizada pola Presidencia do Parlamento, foi excluído Nos Diario
Un intre da xornada de onte no Parlamento de Galiza. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Un intre da xornada de onte no Parlamento de Galiza. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

Os actos institucionais con motivo da conmemoración do 40 aniversario do Estatuto de Autonomía de 1981 continuaron esta segunda feira cunha mesa redonda dedicada á análise e ás perspectivas desde por parte da prensa galega, entre a que Nós Diario non se atopaba por non estar convidado.

“Non lle vemos xustificación ningunha ao feito de que as empresas xornalísticas que editan xornais en papel estean representadas e que o único xornal impreso en galego non formase parte desa palestra”, resolveu María Obelleiro, directora de Nós Diario.

Na mesa redonda, moderada por Ana Martínez, delegada da Axencia EFE na Galiza, non houbo máis voces femininas. Interviron Xosé Luís Vilela, director de La Voz de Galicia; Rogelio Garrido, director de Faro de Vigo; Alfonso A. Riveiro, director de El Progreso; Xosé Pastoriza, director de La Región; José Manuel Rey, director de El Correo Gallego; e Manuel Ferreiro Director de El Ideal Gallego. 

As intervencións dos relatores concordaron na relevancia do papel da prensa nestas catro décadas e no papel normalizador que desenvolveron. Tamén valoraron o recoñecemento explícito ao papel xogado pola prensa.

Perspectiva académica

Nesta xornada o convidado principal foi o presidente do Tribunal Constitucional, Juan José González Rivas, e ademais da referida aos medios de comunicación contou con outra mesa redonda orientada ao debate sobre o Estatuto da Galiza desde unha perspectiva académica. Moderada por Rita Penedo, delegada de Europa Press na Galiza, contou coa participación de Sonia García, profesora de Dereito Constitucional da UDC; Ana Gude Fernández, decana da Facultade de Dereito da USC, e Roberto Blanco Valdés, catedrático de Dereito Constitucional na USC.

Con motivo desta xornada e preguntados polos medios, tanto Ana Pontón, portavoz parlamentaria do BNG, como Gonzalo Caballero, o seu homólogo do PSdeG, apostaron en abrir o debate para a reforma do Estatuto unha vez superada a crise da Covid-19. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, arrefriou o debate ao sinalar: "Debemos ser coidadosos ao derrogar, aínda que sexa parcialmente, o que funciona".

Comentarios