Santalices amósase "convencido" de que haberá solución ao peche do paritorio de Verín

O presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, asegurou este domingo que está "convencido" de que "se dará unha solución" ao peche do paritorio do hospital de Verín unha vez se "liquide" a situación de falta de profesionais neste centro, que cualificou de "puntual".
Miguel Santalices [Imaxe: Parlamento de Galicia]
photo_camera Miguel Santalices (Parlamento da Galiza)

Santalices, nunha entrevista concedida á Cadea Ser, apostou por "garantir a seguridade" das e dos pacientes por enriba de todo, un asunto que, dixo, "non é fácil" e que pode "condicionar a decisión" nunha área como a pediatría. 

O presidente do Parlamento, médico de formación, lembrou que o presidente da Xunta "falou dunha situación puntual" no hospital de Verín, con problemas "na cobertura da asistencia pediátrica" que impiden “garantir a seguridade neste momento". "Eu estou convencido de que, unha vez se liquide a situación, como o presidente explicou, daráselle unha solución a este tema", resolveu.

Miguel Santalices considerou tamén “evidente” que o feito de que hai poucos partos no hospital de Verín, mais apostou por enfocar este feito "dun modo global" e en base ao beneficio da nai e das crianzas. Segundo entende, "faltou pedagoxía" á hora comunicar esta situación á poboación: "Temos que saber explicalo á xente". "Hai que centralo no tema da seguridade, para a miña opinión foi un erro tentar centralo nun espectáculo parlamentario", manifestou na entrevista.

Comentarios