Sanidade, vivenda, competencias dos concellos e AP-9 centrarán o ultimo pleno deste período de sesións do Parlamento

 

A Cámara levará a cabo o debate da petición do BNG para crear unha comisión de investigación sobre as irregularidades na privatizacion e prórroga da concesión da AP9
Pleno do Parlamento galego desta terza feira. (Foto: Parlamento)
photo_camera Pleno do Parlamento galego desta terza feira. (Foto: Parlamento)

Os retos da Consellería de Sanidade en pleno verán, a situación da vivenda, a relación das Xunta cos concellos e o traspaso da AP-9 serán algúns dos temas que centrarán o último pleno da Cámara galega neste período de sesións.

A cita, que decorrerá os días 9 e 10 de xullo, incluirá as comparecencias dos conselleiros de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, que debullará as liñas mestras do seu departamento nun contexto de debate polo posible feche de centros durante o verán. Ademais, a sesión tamén incluirá a comparecencia do titular de Facenda, Miguel Corgos.

O último pleno antes do parón estival arrincará coa elección dun membro do Consello Social da Universidade de Santiago, após a que levará a cabo o debate da petición do BNG para crear unha comisión de investigación sobre as irregularidades na privatizacion e prórroga da concesión da AP9 , unha comisión coa que o BNG quere “pór luz e taquígrafos” sobre a xestión que o Goberno do PP, sendo José María Aznar presidente, fixo entre os anos 2000 e 2003.. 

Ademais, na sesión de control, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, deberá responder as preguntas dos líderes do BNG, Ana Pontón, e do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, sobre as políticas de vivenda e as relacións cos concellos, respectivamente.

A portavoz nacional dos nacionalistas, Ana Pontón, aproveitará a quenda de control ao presidente, Alfonso Rueda, para preguntarlle polas medidas que vai adoptar o Goberno galego para garantir o dereito á vivenda na Galiza, “toda vez que se ten convertido nun factor de exclusión social non só polos abusivos prezos do alugueiro senón tamén pola parálise absoluta do Executivo do Partido Popular nestes quince anos en política social de vivenda”.

A deputada nacionalista xustificou a relevancia da cuestión elixida polo BNG subliñando que en seis anos o prezo do alugueiro subiu de media no país un 30 %, e que a día de hoxe a poboación que vive nas cidades ten que dedicar 40 % do seu salario a pagar a renda do piso. Mentres, agregou, máis de 18.000 persoas “están esperando por unha das vivendas sociais protexidas que o PP non constrúe dende hai quince anos”.

Outras iniciativas do BNG abordarán asuntos como o transporte, a situación do sector lácteo e a industria.

Pola súa parte, ademais de interpelar a Rueda sobre a "sobrecarga" de competencias que sofren os concellos, o PSdeG presentará unha pregunta oral sobre a situación da asistencia pediátrica no Barco de Valdeorras (Ourense) a modo de exemplo do que sucede en toda a Galiza.

Os socialistas interpelarán ao Goberno galego sobre o modelo de apoio aos gastos escolares e defenderán unha proposición non de lei para reclamar á Xunta que poña en marcha medidas para axilizar o sistema de valoración de dependencia.

Ademais, levarán outra proposición non de lei para pedir á Xunta que free a nova subida do canon de Sogama coa que, segundo denunciou Méndez, "pretenden cargarlle aos concellos e aos veciños un incremento que deriva da súa mala xestión dos residuos urbanos".

Pola súa banda, o PPdeG aproveitará a sesión para reclamar, a través dunha proposición non de lei, un compromiso real e efectivo do Goberno central para a realización de infraestruturas vitais para a Galiza, ante a falta de avances en actuacións comprometidas e o agravio comparativo respecto doutras comunidades.

Ademais, solicitará que o Goberno do Estado complete a dotación de 15 millóns de euros solicitada pola Galiza, no marco de Perte Nova Economía dá Lingua, para a execución do Proxecto Nós de impulso do galego nos ámbitos tecnolóxicos. 

O PPdeG tamén cuestionará ao Goberno galego sobre a situación das negociacións sobre as probas de acceso á universidade. Neste sentido, Prado asegurou "non entender" como o Executivo estatal "deixa liberdade a cada comunidade para elaborar os seus exames de ABAU, con estándares metodolóxicos, de esixencia e de avaliación diferentes en cada autonomía". "Deriva en 17 portas de acceso diferentes á a universidade para unha mesma praza", dixo.

Comentarios