Sanidade subliña que as persoas "con síntomas non poden ir votar"

"Pedimos sentidiño", dixo o conselleiro.

Votacións 10N. Eleccións estatais. EP (14)
photo_camera Votacións

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, subliñou esta sexta feira que as persoas que "teñen síntomas (de Covid-19) non poden ir votar" este domingo, á vez que asegurou que a xornada electoral do día 12 "ten todas as garantías" para que as e os cidadáns acudan ás urnas.

Así o manifestou o titular de Sanidade nunha rolda de prensa para actualizar a situación do brote na Mariña, na que animou a acudir ás urnas con "seguridade", seguindo as medidas de lavado de mans, uso de máscara e "aproveitando as horas nas que non hai moita xente".

"Se fan iso e volven ao domicilio é totalmente seguro tanto na Mariña como no resto da Galiza", resaltou o titular de Sanidade. "Pedimos sentidiño", abundou.

Preguntado sobre como se vai controlar á xente que non pode ir votar, o titular de Sanidade explicou que "non poden saír de casa por un tema de saúde pública" e "ten que quedar confinado".

Almuiña puntualizou que "as garantías de todos os cidadáns están preservadas". Ademais, reiterou que existe un "protocolo claro" e "se todos cumpren non vai haber problema".

Comentarios