Sanidade prevé para antes de 2022 as videoconsultas

Prevese que antes de finalizar o ano estean habilitadas as consultas médicas e de Enfermaría por videoconferencia. Mentres, o Sergas segue sen repor as cotas de presencialidade na Atención Primaria previas á pandemia. 

A directora xeral de Reforma Sanitaria, Estrella López-Pardo (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera A directora xeral de Reforma Sanitaria, Estrella López-Pardo (Foto: Xunta da Galiza)

Unha das mudanzas anunciadas polo presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, a consecuencia das "leccións da pandemia" foi a creación na Consellaría de Sanidade dunha Dirección Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria. E esta quinta feira, 15 de xullo, a titular desta área -no cargo desde abril- Estrella López-Pardo, compareceu no Parlamento para afirmar que unha ducia de centros de saúde impulsaron xa plans locais cos que Sanidade quere que "gañen en autonomía e xestionen mellor os recursos", o que lles permitirá "combater a saturación".

López-Pardo expuxo como principais liñas en que traballa a Xunta "para a mellora" da Atención Primaria estes plans locais e apuntou que para antes de final de ano está previsto "contar con servizo de videoconferencia" para as consultas médicas e de Enfermaría. "A pandemia non podía continuar pospondo o proceso" para mellorar a Primaria, dixo a directora xeral.

Sobre o "esgotamento dun modelo organizativo que innovou moi pouco desde 1980", expuxo as medidas elaboradas coa participación das e dos profesionais e mencionou o compromiso de creación de prazas, 102 en 2020 das que foron cubertas 80 "por non haber profesionais dispoñíbeis", dixo.

Aliás, apelou á recuperación da normalidade e "equilibrar a presencialidade mantendo a seguridade e sen perder a vantaxe da consulta telefónica, sempre seleccionada a criterio do profesional". Porén, a Xunta xa estimou que até final de ano a presencialidade que se recuperará na Primaria non será superior ao 60% da que había antes da pandemia.

"Deterioro" da Atención Primaria

No debate, a deputada do BNG Montse Prado criticou que "todos os pasos do PP" nos últimos tempos "foron no camiño da deterioración" da Primaria e, agora, en vez de moverse, "dan pasos atrás" porque a accesibilidade á Atención Primaria está "moito peor" que en 2019. 

Pola súa banda, o socialista Julio Torrado reclamou á Xunta que reforce a Primaria incrementando o número de profesionais e garantindo a estabilidade laboral para mellorar a calidade asistencial. O parlamentario agradeceu ironicamente a sinceridade da directora xeral, cando esta recoñeceu o “modelo esgotado” da sanidade na Galiza. 

Comentarios