Sanidade gasta máis de 2 millóns de euros en publicidade

Entrementres se introduce o (re)pagamento e se promove o discurso da austeridade, o Partido Popular desde a Xunta de Galiza inviste máis de dous millóns de euros na campaña de promoción dos xenéricos.

photo_camera Rocío Mosquera, conselleira de Sanidade

Segundo o prego publicado o pasado mes de agosto pola consellaría de Sanidade, a campaña publicitaria de sensibilización e promoción do consumo de medicamentos xenéricos entre a poboación galega, conta cun orzamento de 2.200.000 euros. En relación a outras partidas orzamentarias --recentemente anunciadas-- destinadas a financiaren servizos sociais, a Xunta de Galiza inviste cantidades inferiores. Neste sentido, Igualdade vén de adxudicar 111.000 euros a un programa de asistencia que atende máis de seis mil mulleres inmigrantes vítimas da prostitución, no cal a administración galega colabora con Médicos do Mundo. 

A CIG-Autonómica denuncia que no actual contexto económico de "precariedade onde non hai cartos para servizos públicos" a Xunta de Galiza manteña un investimento publicitario tan elevado. Asemade, critican que sexa a consellaría de Sanidade a que contrate con diñeiro público unha campaña de publicidade en troca de investir "na compra ou suvbención dos propios medicamentos".

O sindicato nacionalista reitera a súa oposición á "falsa austeridade da Xunta de Galiza que repite como un mantra que non hai cartos, cando continúa a gastalos en obxectivos que nada teñen que a cos servizos públicos e sí con intereses privados".

Após a aprobación do (re)pagamento sanitario e coa entrada en vigor do Decreto 16/2012, desde a pasada fin de semana son 400 os medicamentos cuxo importe debe ser abonado integramente pol@ consumidor/a. Neste sentido, CIG-Autonómica asevera que os máis de dous millóns de euros investidos na campaña de publicidade institucional "irían mellor destinados ao sostemento do Sistema público de sanidade que a poñer o logo da Xunta de Galiza continuamente en todos os medios de comunicación".

Comentarios