Sanidade di traballar para que se poidan cruzar perímetros en Nadal no territorio galego

A decisión sairá da reunión do comité clínico que ten lugar a segunda feira. Aliás, o Sergas asegura que iniciará a vacinación "ao día seguinte" de recibir as doses.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. (Foto: Europa Press)
photo_camera O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. (Foto: Europa Press)

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asegurou este sábado que o seu departamento "traballa" para que as persoas galegas poidan traspasar os feches perimetrais durante o Nadal para ver as súas familiares, pero apelou a "agardar" ao que analice e decida esta segunda feira o comité clínico.

En declaracións aos medios durante a visita ao novo centro integral de saúde de Lalín, o conselleiro explicou que, precisamente, pospúxose a esta data a reunión da sexta feira para así "ter algo máis de tempo" e "ver os últimos datos" da pandemia, de cara a perfilar o protocolo do Nadal.

Comesaña asegurou que a situación nas cidades continúa sendo de "certa prudencia", pois aínda que "algunhas manteñen esa estabilidade con certa diminución" dos contaxios, outras "desgraciadamente están a subir" (como Compostela, que volveu a estar fechada perimetralmente a quinta feira).

Con todo, a escasos cinco días da Noiteboa, o conselleiro suxeriu que "se unha persoa de Madrid pode vir a Ourense visitar un familiar, parece que debemos traballar, tamén na medida do posíbel, para que alguén de Santiago poida ir a Ourense".

Se ben a continuación matizaba: "Seguimos recomendando que nestas datas non se visite a ninguén e celébrese cos convivientes habituais".

A vacinación

Preguntado polos medios sobre o arranque da vacinación, o conselleiro fixo súas as palabras da sexta feira do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e reiterou que a Galiza está preparada para empezar a inocular as primeiras doses "ao día seguinte" de que cheguen.

Plan de comunicación

Ademais, Comesaña explicou que o comité clínico, a través dun grupo de traballo específico, tamén elabora unha folla de ruta de comunicación destinada á cidadanía, coa idea de conseguir unha vacinación masiva.

Este plan, que xa foi enviado ás xerencias do sete áreas sanitarias, aos sindicatos e aos grupos políticos, buscará ser mandar "unha imaxe sólida e conxunta de confianza" nas vacinas.

Comentarios