Sanidade defende a súa xestión dos tratamentos de hepatite C

Asegura que se aprobaron "sempre que as características clínicas do doente eran as acaídas", malia a denuncia da Fiscalía.

Ramón Ares_Xunta
photo_camera Ramón Ares [Imaxe arquivo / Xunta]

A Xunta de Galiza saíu ao paso da denuncia presentada pola Fiscalía perante o falecemento de varias persoas atinxidas pola hepatite C para defender a súa xestión dos tratamentos e o funcionamento da subcomisión encargada da súa aprobación. 

Através do director xeral de Asistencia Sanitaria, Ramón Ares, a Consellaría de Sanidade di que os tratamentos cos novos fármacos foron aprobados "sempre que as características clínicas do doente eran as acaídas e se axustaban aos criterios clínicos estabelecidos".

Neste senso, Ares asegurou que o funcionamento da comisión encargada da súa aprobación --un órgao con representación política e médica-- foi "absolutamente rigoroso". "Funcionou desde o noso ponto de vista perfectamente, o que permitiu que antes de ter o plan estratéxico todos os doentes graves que precisaban tratamento, o tiveran", defendeu Ramón Ares.

"En máis do 99% dos tratamentos solicitados nesa comisión foron autorizados", di a Xunta

Porén, a asociación médica Batas Brancas, a plataforma galega de afectad@s pola Hepatite C e a Fiscalía coidan que o proceder da comisión non foi así. No concreto, a respeito de 5 doentes aos que lles foi negado ou concedido con retraso o acceso á medicación de nova xeración.

"En máis do 99% dos tratamentos solicitados nesa comisión foron autorizados e administrados posteriormente en función das características dos doentes e da loxística das compañías farmacéuticas á hora de suministrar os tratamentos", afirmou o director xeral de Asistencia Sanitaria. 

Segundo Batas Brancas, quen presentou a denuncia en marzo de 2015, a comisión tería "denegado a cura a doentes que cumpren todos os requirimentos". Algo do que existirían indicios para a Fiscalía, razón pola que presentou unha denuncia nos xulgados de Compostela. Agora será a xustiza a que determine se cumpre admitila a trámite.   

Desde Sanidade din non ter "ningunha comunicación da denuncia nen en que termos está feita, nen como está feita". 

Comentarios