luns 01/03/21

Sanidade e coidados, chaves na folla de ruta que formula Pontón

Ana Pontón pide destinar 775 millóns para mellorar o actual sistema público de saúde e para pór en marcha un novo modelo de coidados das persoas maiores.
Ana Pontón pide 775 millóns para a sanidade e os coidados (Foto: Nós Diario)
Ana Pontón pide 775 millóns para a sanidade e os coidados (Foto: Nós Diario)

O sistema sanitario e dos coidados centrou a comparecencia da líder do BNG, Ana Pontón, esta segunda feira, 15 de febreiro, en que continuou a debullar  ante os medios de comunicación a iniciativa "Xerar Futuro, Galiza Next", a folla de ruta que a formación nacionalista presentou o sábado para transformar o país con 14.380 millóns de euros que pretenden mobilizar para Galiza dos fondos da UE para a recuperación. 

Nese sentido, Pontón reclamou empregar 775 millóns para mellorar o actual sistema público de saúde e para pór en marcha un novo modelo de coidados das persoas maiores. “Se algo ensinou esta pandemia é que sen servizos públicos fortes capaces de velar pola saúde e polo coidado das persoas non hai futuro, nin no económico nin no social”, explicou.

Con eses recursos, o BNG quere reforzar a Atención Primaria, hospitalaria e a medicina preventiva, activar un plan de atención á saúde mental, reverter as privatizacións, pór en marcha unha estratéxica galega xenómica e de medicina personalizada e crear un centro de alertas epidemiolóxicas, "porque a Covid-19 non será a última pandemia".

"Estratexia Fogar" é a proposta do BNG para transformar o servizo de coidados, procurando "un modelo que aposte por residencias públicas, no que a atención domiciliaria sexa central para atender as persoas maiores no seu propio contorno e incorporar as novas tecnoloxías aos coidados". 

Eleccións catalás

Pontón quixo aproveitar a rolda de prensa para felicitar as forzas soberanistas por mellorar resultados nas eleccións catalás do domingo, e en particular a Esuqerra Republicana de Catalunya, polas posibilidades de liderar o Goberno

A nacionalista celebrou o avance das forzas soberanistas e destaca a irrelevancia do PP que "debería reflexionar sobre unha estratexia que favorece o avance da extrema dereita racista, machista e antigalega".

Dereitos lingüísticos

Por outra banda, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, solicitou a formación lingüística dos axentes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado destinados na Galiza. Tamén instou o Executivo español a actualizar os programas de tramitación de denuncias e formularios para que estean dispoñíbeis en galego e que os axentes ofrezan esa posibilidade.

A pasada semana unha cidadá denunciou en Twitter que tivo que reiterar até tres veces o seu desexo de formalizar unha denuncia en galego nunha comisaría de Vigo, na que lle aseguraron que non podían atender a súa petición xa que a aplicación informática só estaba en español.

comentarios