Sande: "Somos os únicos que representamos a Galiza" en Madrid

"PP e PSOE teñen sumisión territorial, a súa centralidade está noutro lugar", declarou esta sexta feira José Manuel Sande, o ex concelleiro da Marea Atlántica eleito senador en representación do Pazo do Hórreo. Por súa parte, Yolanda Díaz reivindicou a condición de Galiza como "suxeito político propio", mais tamén como "actor de cambio fundamental neste tempo".
sande
photo_camera Sande, entre Díaz e Gómez Reino.

Integrados no grupo parlamentar de Unidas Podemos –Yolanda Díaz é dirixente de EU, Antón Gómez Reino da formación morada, Sande milita na Marea Atlántica—empregan no país a marca Galicia en Común, plataforma que pretenden ampliar coa incorporación da Anova de Antón Sánchez.

Esta sexta feira, compareceron en Compostela perante os medios para apresentaren as liñas básicas do que será o seu traballo parlamentar.

"Defenderemos Galiza como suxeito político, así como o financiamento autonómico, as infraestruturas ferroviarias ou dixitais, os sectores produtivos e o patrimonio como o Pazo de Meirás ou a Casa Cornide", avanzou Sande, en tanto que Yolanda Díaz —moi activa nas negociacións co PSOE para a investidura—puxo o acento en que Galiza está chamada a ser un "actor de cambio fundamental neste tempo".

A bandeira de UP como a única forza que defende o país en Madrid foi enarborada con especial celo e intensidade por José Manuel Sande. "Somos os únicos que representamos a Galiza", dixo, "sendo que o resto de senadores galegos do PP e do PSOE teñen sumisión territorial, a súa centralidade está noutro lugar".

Comentarios