Terceiras eleccións ou complexa negociación PSOE-Podemos-Cs

Sánchez mantén a súa posición, o que imposibilita a investidura de Rajoy

A investidura de Rajoy é neste momento un imposíbel aritmético, após terlle transmitido o secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, a Felipe VI que votará NON na primeira e na segunda volta dunha eventual comparecencia do líder conservador perante o Parlamento. 

 

zarzuela

Sen a abstención do PSOE na segunda volta -na que o candidato do PP só precisaría máis votos afirmativos que negativos- a investidura devén nunha empresa imposíbel para Rajoy. A día de hoxe, o líder do PP só ten garantidos os seus 137 votos. Mesmo no caso de conseguir in extremis o apoio de Cs, o PSOE mantería a súa posición de voto negativo, enfatizou Sánchez perante os meios após a súa entrevista na Zarzuela co chefe do Estado, Felipe VI.

O líder do PSOE colocou a pelota exclusivamente no tellado de Rajoy -"é o tempo de Rajoy"- e tentou de todos os xeitos posíbeis non contestar a pergunta de se, derrotado o candidato conservador, el tentaría formar goberno, como lle teñen demandado desde Podemos até as forzas independentistas e nacionalistas presentes na Cámara.

Deixou entrever, en todo caso, que esa hipótese a ve moi complexa: "Iglesias xa o rexeitou [na pasada lexislatura] como acaba de o facer agora en rolda de imprensa [a anterior á súa propia] e Cs, o mesmo. A partir daí a resposta é clara".

Porén, ao mesmo tempo que dicía iso, garantía que non habería terceiras eleccións. As dúas cousas á vez -bloqueo ao goberno Rajoy sen acordo á esquerda e evitación de novos comicios- non son posíbeis. Tampouco parece posíbel que Rajoy poda obter apoios nas formacións nacionalistas de centro-direita. Sánchez interpreta que na cámara hai unha maioría "conservadora" (137 escanos PP, 32 Cs, 8 PDC, 5 PNV, 1 CC) e que a ela ten de apelar Rajoy para facer goberno. O problema para o líder do PP é que sobre o eixo direita-esquerdfa sobreponse a dialéctica unionismo-soberanismo e aí Rajoy ten practicamente imposíbel chegar a acordos con vascos e cataláns.

Rivera propón un tripartito PP-PSOE-Cs sen Rajoy

Esta quinta feira é o día do encontro de Felipe VI cos líderes das forzas políticas estatais. Á hora de editarmos estas liñas, o chefe do Estado estase entrevistando con Rajoy, após terse visto consecutivamente, na sesión de mañá, con Albert Rivera, Pablo Iglesias e Sánchez.

Rivera mantivo a súa posición xa coñecida, a disposición de se abster na segunda votación para viabilizar un goberno, e lanzou unha nova proposta, a dun acordo PP-PSOE-Cs cun candidato alternativo a Rajoy, xogada con escasas probabilidades de suceso.

Iglesias preferiu presionar a Sánchez, a quen cargou coa responsabilidade de tentar formar unha maioría alternativa.

Destarte, e se non se producen mudanzas sobre o taboleiro, os dous escenarios posíbeis son: terceiras eleccións -cada día máis probábeis- ou complexísima negociación entre o PSOE, Podemos e Ciudadanos.

Comentarios