martes 04/08/20

Sánchez lidera e centraliza nel o reparto dos fondos ás comunidades

Pedro Sánchez será quen "lidere" a gobernanza do fondo de recuperación da UE para o Estado, segundo el mesmo comunicou esta sexta feira, 31 de xullo, na conferencia de presidentas e presidentes autonómicos.
Reunión da Conferencia de Presidencias na Rioxa (Imaxe: Europa Press)
Reunión da Conferencia de Presidencias na Rioxa (Imaxe: Europa Press)

Será o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, quen "liderará" a gobernanza do fondo de recuperación da UE para o Estado, segundo el mesmo comunicou esta sexta feira, 31 de xullo, na conferencia de presidentas e presidentes autonómicos realizada na Rioxa e presidida polo Rei Felipe VI. Haberá "colaboración multinivel", dixo Sánchez, estando as comunidades "implicadas" na xestión, mais será o Estado, en definitiva, quen centralice a distribución dos 140.000 millóns do fondo da UE. España non admite así a xestión directa dos fondos polas comunidades que algunhas, como Catalunya, demandaban. 

De facto, Sánchez informou de que o sistema de repartición dos fondos entre as comunidades, en concreto os correspondentes ao instrumento de "facilidade de recuperación e resilencia", funcionará polos proxectos que as autonomías presenten, os cales deben ir "aliñados" cos eixos de transformación acordados polo Consello Europeo, que son a dixitalización, transición ecolóxica, igualdade de xénero e cohesión social e territorial.

En concreto, Sánchez explicou que "se avaliarán os proxectos que poidan ser tractores e propoñan as comunidades, os departamentos ministeriais e a sociedade civil". Nese sentido, o mandatario español informou de que a repartición non seguirá os criterios clásicos. "Este é un Fondo diferente, novo", remarcou. Constituirase pois unha comisión interministerial presidida polo xefe do executivo español e unha "unidade de seguimento" no Gabinete da Presidencia; e haberá colaboración "público-privada a través dun grupo de alto nivel" e, coas autonomías por medio da conferencia sectorial que liderará a ministra de Facenda, María Jesús Montero. 

Feixoo carga contra o sistema de información  

O presidente en funcións da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, na súa comparecencia ao remate da Conferencia de Presidencias, cargou contra o sistema de información que ten o Estado sobre a incidencia da pandemia. Xera "incerteza" aquí e nas nacións da contorna, dixo.  Pasamos "dun mando único, dunha restrición de dereitos da cidadanía e de competencias, a todo o contrario", aseverou Feixoo para engadir que "unha cousa é que España sexa unha nación descentralizada e outra, descoordinada". O presidente galego en funcións demandou, nese sentido, "coxestión" co Goberno español tamén para os fondos. 

O presidente galego incidiu en que os fondos "serán bos para España se se invisten ben" e pediu ao Goberno español que promova xa un acordo conxunto sobre o arranque do curso escolar 2020-2021 e que se habiliten instrumentos xurídicos para que as comunidades autónomas poidan xestionar os confinamentos ante novos gromos. Tamén reclamou a redución do IVE nas máscaras. 

Mais a pesar da relevancia da cita, Feixoo desaproveitou a súa posición e volveu coas mans baleiras á Galiza. Non fixo tal o lehendakari vasco, que acudiu por sorpresa ao encontro cando xa se daba por suposta a súa ausencia. Iñigo Urkullu asistiu logo de alcanzar a última hora un acordo co Executivo español sobre a senda déficit e a capacidade de endebedamento das institucións vascas, que se substanciará na Comisión Mixta do Concerto e que permitirá realizar un maior gasto ao Goberno vasco. "Euskadi é unha nacionalidade histórica e non se financia por vía do Estado, senón que temos bilateralidade", reafirmou Urkullu.

comentarios