MEDIOS PÚBLICOS

Sánchez Izquierdo manipula os datos da TVG para dicir que a oposición ten máis presenza que o PP

Bieito Lobeira solicita a dimisión do director xeral dos medios públicos por “non reunir as condicións democráticas necesarias” tras unha comisión que derivou en fortes leas.

Instalacións da CRTVG
photo_camera Instalacións da CRTVG

A comparecencia parlamentaria do director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, converteuse nunha dura lea dialéctica que incluso provocou unha interrupción debido á discusión entre o responsábel dos medios públicos e o deputado nacionalista Bieito Lobeira, que insistiu en que Izquierdo, do que pediu a dimisión, non cumpría coa súa obriga de responder as preguntas dos deputados.

Unha das cuestións máis polémicas foi aquela referida ao tratamento que recibe o BNG por parte da Televisión e a Radio galega. Segundo Lobeira, os medios de titularidade autonómica están entregados ao “combate contra o nacionalismo mediante a manipulación informativa”. “Resulta patético tal nivel de subordinación e obediencia dos medios públicos á estratexia do PP”, engadiu.

Na súa resposta, Sánchez Izquierdo ofreceu datos sobre a atención que recibe o Bloque nos informativos da TVG, da radio dixo que era imposíbel de calcular, e chegou a indicar que teñen máis minutos as dúas forzas da oposición parlamentaria -BNG e PSOE galego- que o PP, malia ser este último maioritario. Para os nacionalistas serían sete horas e 44 minutos dende outubro a febreiro, para os socialdemócratas 6 horas e 39 minutos e para o PP algo máis de 13 horas. Porén, o cálculo é enganoso, posto que non inclúe o amplo espazo de tempo que lle adican á Xunta, ao goberno central (ambos do PP) ou aos dirixentes estatais do PSOE. Facendo esa suma, o BNG estaría moi por debaixo das outras forzas e da súa representatividade no país.

Na comisión tamén se falou da ocupación de San Marcos por parte dos afectados pola estafa das preferentes, á que a CRTVG respondeu abrindo un expediente informativo contra os traballadores dos medios públicos que intentaron mediar na situación sen evitar a protesta. Izquierdo non se comprometeu a arquivar ese expediente e evitou responder directamente as preguntas de Lobeira, cuxas queixas foron respondidas dende a Mesa coa interrupción da sesión por uns minutos.

O BNG tamén se queixou pola manipulación da TVG sobre a marcha convocada polo Comité baixo o lema de “Nin represión, nin manipulación”, que tamén estivo presente durante a comisión ás portas do Hórreo. Así, Lobeira pediu a dimisión de Izquierdo “por non reunir as condicións democráticas necesarias para o cargo”.

O propio Comité Interempresas da CRTVG lamentou que “o director xeral non anunciase a fin da política represiva nin explicase porqué abandonou San Marcos durante a protesta das preferentes e siga sen recibir aos representantes do persoal”.

Comentarios