Atmosfera de acordo total na primeira cimeira dos líderes galego e español

Sánchez foi Raxoi para Feixóo

Feixóo abandonou a Moncloa como se tivese ido falar con Raxoi. Mais non, foi a súa primeira cimeira con Pedro Sánchez, o retorno a unha cohabitación (presidente do PPdeG na Galiza, do PSOE en Madrid) con abondos precedentes no pasado. O líder da formación conservadora galega optou por marcar perfil dialogante e por vender acordos co titular da Moncloa. En Marea e BNG criticárono por falta de nervio reivindicativo.

Feixóo e Pedro Sánchez. Primeira cimeira, xullo de 2018.
photo_camera Feixóo e Sánchez estreitan as mans na súa primeira cimeira

Un presidente do PSOE na Moncloa sempre é un convite para o PPdeG vestir as roupaxes máis reivindicativas. Ese traxe ficou en Monte Pío. Feixóo preferiu un atuendo distinto, o do político dialogante que é capaz de arrancar logros de Madrid. Así o apresentou a súa imprensa amiga.

Dúas horas ficaron reunidos os líderes galego e español. Atmosfera de acordo total. Na axenda, o remate do AVE, a transferencia da AP9, as fragatas de Navantia Ferrol. Sobre a alta velocidade, Sánchez comprometeuse con Feixóo a que as obras concluirían no último trimestre de 2019, a despexar así as dúbidas criadas polo anterior ministro de Fomento, correlixionario do político de Os Peares mais situado nunha corrente distinta dentro do partido (o ex alcalde de Santander é sorayista). Un suave disenso planexou sobre o traslado a Galiza da competencia sobre a auto-estrada, embora, segundo a versión de Feixóo, Sánchez deixou a porta aberta a que finalmente se materialice. O inquilino da Moncloa tería pedido máis tempo para coñecer en profundidade o asunto.

Feixóo, alén de máis, tiña un motivo a maiores para estar satisfeito: Madrid negociou con Bruxelas a relaxación dos obxectivos do déficit público para 2019. Iso significa que as comunidades autónomas poden deitar un desfase orzamental en 2019 de 0,3 pontos do PIB, fronte aos actuais 0,1 pontos. Traducido en millóns de euros para gastar falaríamos de 120, unha cantidade que permitiría ao goberno galego realizar políticas de gasto [o debate do teito de gasto está aínda pendente no Pazo do Hórreo] máis expansivas.

En definitiva, houbo mudanza de titular na Moncloa —e de partido político gobernante—, mais a táctica de Feixóo a respecto de Madrid non rexistou a menor alteración, como se o PP continuase ao mando do aparato estatal. Digamos que o presidente da Xunta —curiosamente en pleno congreso do seu partido— concede un voto de confianza ao presidente que chegou á Moncloa após derrotar Mariano Raxoi na moción de censura.

Comentarios