Sánchez fala agora de España como “nación de nacións” e advoga por un acordo con Podemos

O demitido secretario xeral do PSOE está de volta na carreira pola lideranza do partido. Nunha entrevista en La Sexta, admite o “erro” de ter cualificado no seu día Podemos como “populista” e defende un acordo “entre as esquerdas” para arrebatar a hexemonía á direita. Na cuestión nacional, dá un paso adiante e cualifica España de “nación de nacións”.

Pedro Sánchez, entrevista Salvados 30 de Outubro 2016
photo_camera Pedro Sánchez, entrevista Salvados 30 de Outubro 2016

Sobre o asunto do direito a decidir -el empregou o termo “referendo de autodeterminación”-, Sánchez situou a resolución do conflito con Catalunya na “votación” dunha reforma constitucional que, veu dicer, recoñeza o status nacional do Principat. Dixo textualmente que Catalunya e Euskadi son nacións. Non citou Galiza.

Na entrevista deseñou con clareza cal é o seu proxecto de refundación do PSOE: un partido situado na esquerda e que fale “de ti a ti” co outro referente dese espazo ideolóxico, un Podemos co que a formación socialdemócrata debe traballar “cóbado con cóbado”. As “esquerdas” españolas teñen que dialogar tamén, enfatizou, “coas forzas nacionalistas catalás”.

Ese deseño bate frontalmente coa liña de Susana Díaz, hexemónica neste momento no aparato do PSOE, moi reticente a calquera colaboración con Podemos e frontalmente confrontado con calquera perspectiva de acordo co soberanismo catalán.

Sánchez converteu a entrevista co xornalista Jordi Evole nunha confesión dos seus erros políticos. Entre eles destacou ter aceite no seu momento as condicións que lle impuxeron os baróns territoriais á hora de negociar a investidura -en concreto, a imposibilidade de chegar a acordos con ERC e o Partit Demòcrata Català.

Sánchez confesa que cometeu un erro ao aceitar o veto que interpuxeron os baróns ao acordo co soberanismo catalán

A operación que precipitou a súa queda da secretaría xeral foi inducida, revelou, polo “sistema financeiro” -resistiuse a dar nomes dos banqueiros que conspiraron para o derrubar, embora acabou afirmando que se estaba a referir a dúas entidades-, a Telefónica de César Alierta -ao actual presidente da compañía exonerouno de toda responsabilidade- e ao diario El País. Desvelou que mantivo reunións con responsábeis da liña editorial dese xornal -non co presidente de PRISA, Juan Luis Cebrián, precisou- en que estes lle comunicaron que se oporían a calquera opción que pasase por un acordo con Podemos. “Houbo determinados meios de comunicación que me dixeron que se houbese entendimento con Podemos eles o criticarían. Unha das explicacións polas que a liña editorial ten sido tan abusiva ou mesmo insultante no persoal foi por que puidese haber un entendimento entre as dúas esquerdas”, dixo. Tamén deslizou críticas a La Sexta -embora salvou o criterio profesional de Ana Pastor e do propio Evole-, meio do que dixo que tivo sempre o propósito de socavar a súa lideranza ao fronte da esquerda.

Comentarios