xoves 21/10/21

Sánchez defende a centralización na compra de vacinas: "Onde vai un land ou unha autonomía sós?"

O presidente español, contrario a que as autonomías e rexións europeas negocien a adquisición de vacinas.

O presidente do Executivo, Pedro Sánchez, onte en rolda de prensa após o Consello Ministerial (Imaxe: R.Rubio.Pool / Europa Press)
O presidente do Executivo, Pedro Sánchez (Imaxe: R.Rubio.Pool / Europa Press)

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, reafirmou esta segunda feira a súa aposta pola "acción coordinada" da Unión Europea para conseguir vacinas contra o Covid-19 de forma centralizada, e criticou que as comunidades autónomas no estado español, ou os  landër en Alemaña, poidan actuar neste sentido.

"Onde vai un  land (nome que se dá aos estados federais de Alemaña) ou unha autonomía sós, competindo con países de miles de millóns de persoas, á hora de acceder a unha vacina? Mellor xuntos, mellor unidos", defendeu o presidente, en relación ao debate que cada vez toma máis forza sobre a conveniencia ou non de que comunidades ou as rexións acudan ao mercado de vacinas pola súa conta. Paso que en Europa exploran diversos territorios, como Baviera ou Madrid.

O fracaso da centralización das máscaras

Nos primeiros temos da pandemia o Estado español apostou na centralización para a adquisición de diverso material sanitario e de protección, como as máscaras, fronte ao coronavirus.

Unha aposta que o propio Executivo central tivo que reverter a prol das autonomías. A centralización da compra e da distribución dos equipos de protección básico do persoal sanitario agudizou os problemas de desabastecemento, polo que o Executivo estatal viuse obrigado a rectificar a decisión e volveu autorizar os Gobernos autonómicos a comprar o seu material desde o 19 de marzo.

Vacinación

Pedro Sánchez realizou estas afirmacións durante a inauguración do simposio económico ' Wake  Up,  Spain!', organizado polo diario El Español, na Casa de América, no que presentou as liñas xerais do plan de recuperación que o Goberno estatal aprobará e remitirá proximamente a Bruxelas para facer fronte á crise derivada da pandemia.

Así mesmo, Sánchez garantiu que se vai cumprir o calendario que deseñou o Executivo para ter a  finais de agosto ao 70% da poboación vacinada. "O Goberno está centrado ao 101% na vacinación e na recuperación", afirmou.

comentarios