Análise

Sánchez cumpre co BNG rebaixando as peaxes da AP-9

A baixada das portaxes, que apareceu recollida no Boletín Oficial do Estado (BOE) desta cuarta feira, entrarán en vigor na quinta feira.
Ruben Cela, Néstor Rego, Adriana Lastra e Rafael Simancas presentando o acordo entre o BNG e o PSOE en xaneiro de 2020. (Foto: Europa Press)
photo_camera Ruben Cela, Néstor Rego, Adriana Lastra e Rafael Simancas presentando o acordo entre o BNG e o PSOE en xaneiro de 2020. (Foto: Europa Press)

As rebaixas das peaxes da AP-9, recollidas no Boletín Oficial do Estado (BOE) desta cuarta feira e en vigor desde hoxe, son resultado dunha reivindicación de anos, cuxo momento chave é o acordo entre o BNG e o PSOE de xaneiro de 2020 para investir a Pedro Sánchez como presidente do Goberno do Estado.

Malia as resistencias dos socialistas a asumir unha demanda que na súa opinión representaba un investimento moi elevado e podía ser entendido como un agravio comparativo noutras partes do Estado, a necesidade de contar co voto dos nacionalistas para sacar adiante a candidatura de Sánchez vainos obrigar a aceptar unha reclamación que o BNG consideraba innegociábel. 

As equipas negociadoras do acordo entre o BNG e o PSOE lembran a día de hoxe como a AP-9 é a cuestión medular do pacto de investidura. A este respecto, as fontes nacionalistas consultadas por Nós Diario significan as dificultades para concretar a proposta así como o nivel de detalle da mesma no texto asinado. Pola súa banda, desde as filas socialistas destacan o tempo dedicado a este tema no marco das conversas e as diferenzas de partida entre ambas organizacións, porén, inciden na vontade partillada de introducir rebaixas importantes nos prezos das peaxes. Sexa como for, uns e outros coinciden en situar este asunto como o elemento substantivo das conversacións e do posterior acordo.

Unha folla de ruta marcada no acordo de investidura

A folla de ruta da AP-9 está escrita no pacto de investidura entre nacionalistas e socialistas, porén fican varios aspectos por resolver. Se ben as novas tarifas representan unha rebaixa moi importante para os usuarios da autoestrada do Atlántico, as mesmas non recollen algunhas das bonificacións aprobadas no acordo de xaneiro de 2020, ficando, aínda, pendente de transferir a titularidade da vía a Galiza.

Neste sentido, a negativa dos socialistas a ceder á Xunta á vía, formalizada nunha emenda rexistrada contra o proxecto de lei orgánica en tramitación no Congreso dos Deputados, representa un incumprimento do pactado, que desde o PSdeG agardan resolver coa saída de José Luís Ábalos do Ministerio de Transporte.

Galiza segue tendo un problema moi grave coas estradas de pago. A maiores das tarifas das peaxes, até o punto de que o tramo da AP-53 entre Lalín e Silleda sitúase á cabeza do Estado, manténdose, malia as rebaixas, a AP-9 entra as vías máis caras da rede peninsular, Galiza vaise converter a partir de 1 de setembro no territorio estatal con máis quilómetros de autoestrada. Actualmente ese lugar ocúpao Catalunya, pero tras a liberalización o 31 de agosto de diversos recorridos da AP-2 e da AP-7, Galiza pasa a ter 326,54 quilómetros de pago, seguida de Castela e León con 276 e  Euskadi con 254. Pola contra Madrid, rodeada de autoestradas, só suma 161 quilómetros de pago.

O momento de entrada en vigor das rebaixas das peaxes da AP-9 non é casual. Á marxe das dificultades administrativas para aplicar a medida, a escolla do mes de xullo está asociada coa próxima negociación que teñen por diante nacionalistas e socialistas. O PSOE quere contar co voto do BNG para os vindeiros presupostos e precisa chegar ás conversas cos aspectos centrais do acordo de investidura resoltos para e restaurar a confianza dos seus parceiros e facilitar o diálogo. Neste sentido, desde o Goberno téñense dirixido nas últimas semanas aos nacionalistas para expresarlle o seu interese  en abrir unha nova etapa nas relacións e a vontade de buscar un pacto orzamentario. Setembro está chamado a ser o mes para verificar a disposición real ao acordo de BNG e PSOE.

comentarios