Sánchez avanza que aprobará rebaixas impositivas aos sectores afectados pola guerra en Ucraína

O xefe do Executivo estatal asegurou no transcurso da Conferencia de Presidentes que revisará as regras fiscais para adecualas á "nova realidade económica da guerra".
Pedro Sanchez durante a Conferencia de Presidentes. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).
photo_camera Pedro Sanchez durante a Conferencia de Presidentes. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).

O xefe do Goberno do Estado, Pedro Sánchez, trasladou aos presidentes autonómicos na Conferencia de Presidentes deste domingo na illa da Palma que o Goberno aprobará rebaixas impositivas aos sectores afectados pola guerra en Ucraína, se ben, non precisou en que consistirán, informaron fontes da Moncloa.

Durante o cumio de gobernantes, que busca abordar solucións conxuntas á crise provocada pola guerra en Ucraína, Sánchez adiantou que se revisarán as regras fiscais "de acordo á nova realidade económica da guerra e a saída da pandemia" do coronavirus, aínda que tamén sen concretar nada.

Polo que se refire ao ámbito enerxético, o xefe do Executivo expuxo como solución á dependencia enerxética de Rusia as interconexións de gas, hidróxeno verde e enerxías renovábeis así como o impulso destas últimas, pedindo, ademais, o apoio no desenvolvemento da proposta do Goberno de desacoplar o prezo do gas.

Mercados alternativos

No eido da alimentación, Sánchez propuxo que Europa busque mercados alternativos, se reforce a PAC, se garantan prezos accesíbeis para os fertilizantes nitroxenados e se compense os sectores afectados.

Así mesmo, reclamou aos territorios que se acelere a execución dos fondos relativos ao despregamento das enerxías renovábeis, a eficiencia enerxética e a rehabilitación de vivendas, especialmente antes do próximo inverno, para aumentar a autonomía enerxética.

Para iso, o Goberno reducirá a axilización dos prazos e procedementos para a execución dos proxectos de eficiencia enerxética e desenvolvemento de enerxías renovábeis.

Por último, en canto a ciberseguridade, o Goberno asegurou que reforzará a cooperación e colaboración coas comunidades autónomas e aprobará unha nova Lei de ciberseguridade.

Comentarios