Sánchez augura a "recuperación total da mobilidade nos próximos meses"

Carolina Darias chama as comunidades a ampliar as restricións "todo o posíbel", mentres aumenta no Estado a presión nas UCI.
Pedro Sánchez, xunto ao presidente do País Valencià, Ximo Puig, na inauguración do tramo do AVE Cid-Elche-Orihuela-Murcia (Foto: GVA)
photo_camera Pedro Sánchez, xunto ao presidente do País Valencià, Ximo Puig, na inauguración do tramo do AVE Cid-Elche-Orihuela-Murcia (Foto: GVA)

O proceso de vacinación contra a Covid-19 permitirá "a recuperación total da mobilidade nos próximos meses" e, con iso, a recuperación económica, augurou esta segunda feira, 1 de febreiro, o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez.

As restricións á mobilidade "posibilitaron a protección da cidadanía", aínda que supuxesen "un dos grandes sacrificios" que se tiveron que adoptar para loitar contra o coronavirus, explicou o titular do Executivo mostrándose convencido de que "a recuperación total da mobilidade nos próximos meses grazas á vacinación vai posibilitar sen ningunha dúbida a recuperación económica". Nese sentido, Sánchez asegurou que "2021 será o ano da vacinación e da recuperación".

Turismo na Semana Santa

Nunha liña semellante á de Sánchez explicouse a ministra de Industria e Turismo, Reyes Maroto, logo da polémica ocasionada após o pasado 30 de xaneiro soster que a Semana Santa suporía o reinicio das viaxes no Estado, cando as cifras de contaxios e ocupación hospitalaria e de UCI amosan as consecuencias da mobilidade e reunións no Nadal.

Maroto matizou esta segunda feira que o turismo para Semana Santa "será posíbel de dárense as condicións de seguridade sanitaria", o que á súa vez depende, dixo, de acelerar o proceso de vacinación.

Xunto a Maroto estivo a ministra de Sanidade, Carolina Darias. Ambas visitaron a fábrica de materiais hospitalarios Becton Dickinson, en Madrid.

Darias aproveitou para pedir ás comunidades que amplíen as medidas contra a terceira onda da pandemia "todo o posíbel", sempre que estas restricións se atopen dentro do marco do actual estado de alarma e da estratexia consensuada entre o Ministerio e as autonomías, dixo. E o certo é que as comunidades non teñen competencias para ordenar medidas como o confinamento domiciliario ou adiantar o recoller obrigatorio, cuestión que varios Gobernos autonómicos xa demandaron poder realizar. 

Preguntada polos obxectivos de vacinación, reiterou que a meta é conseguir que 80% cento das persoas de máis de 80 anos e do persoal sanitario estea inmunizado "como moi tarde en marzo" e que 70% de toda a poboación adulta o estea, como moi tarde, no verán.

Sobe a presión nas UCI do Estado

O Ministerio de Sanidade notificou este 1 de febreiro 79.868 novos positivos de Covid-19 (datos acumulados desde a sexta feira), unha cifra menor que a de hai sete días (93.822 positivos), sendo esta a primeira fin de semana desde comezos de decembro en que se reducen os novos positivos. Porén, a presión nas UCI continúa a aumentar, cunha ocupación de 45,30%. As comunidades notificaron 762 mortos máis, o que deixa un total de 59.081 falecementos, rexistrándose 1.534 na última semana. 

Ademais destes datos, o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, avanzou que o grupo de traballo do plan de vacinación contra a Covid-19 está a estudar a posibilidade de non recomendar que as persoas maiores reciban a vacina de AstraZeneca.

"Os ensaios clínicos non se realizaron en maiores, co cal é moi posíbel que ao non ter evidencia se recomende para grupos máis novos que si formasen parte dos ensaios", dixo. De ser así, o Ministerio desmarcaríase da recomendación da Axencia Europea do Medicamento, que si optou por aprobala en maiores de 65 anos. 

Comentarios