Sánchez anuncia que o Consello de Ministras aproba esta terza feira unha "drástica redución" das peaxes da AP-9

Destaca o abaratamento da autoestrada e a chegada da AVE como "probas inequívocas" do "compromiso" do Executivo español con Galiza.
Autoestrada AP-9 ao seu paso pola ponte de Rande (Foto: Punto GA / M. Riopa).
photo_camera Autoestrada AP-9 ao seu paso pola ponte de Rande (Foto: Punto GA / M. Riopa).

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, anunciou este domingo que o Consello de Ministras da terza feira aprobará unha "drástica redución" das peaxes da AP-9, que se materializará "a partir da próxima semana". Este anuncio fíxoo Sánchez durante a súa intervención na cerimonia de entrega da Medalla de Ouro de Galiza a todo o persoal que integra o dispositivo de vacinación contra a covid-19. 

OSánchez aproveitou o seu discurso para reivindicar as "probas inequívocas" do "compromiso" do seu gabinete con Galiza, que son a chegada da alta velocidade ferroviaria, prevista para finais de ano; e a rebaixa das peaxes da AP-9.

En referencia a isto último, Sánchez prometeu unha redución "histórica" do prezo da Autoestrada do Atlántico. En concreto, será o Consello de Ministras da terza feira o que aprobe un abaratamento que suporá un aforro de 2.300 millóns de euros "até o fin da concesión" da vía en 2048.

Un abaratamento que suporá un aforro de 2.300 millóns de euros "até o fin da concesión" da vía en 2048.

Esta medida que afectará un "elemento imprescindíbel para a mobilidade" dos galegos e galegas materializarase, engadiu, a partir "da próxima semana". "Vai permitir desviar a circulación de rutas alternativas e por tanto mellorar algo, que sei que é moi sentido por parte do conxunto da sociedade galega, a seguridade viaria", agregou.

Ademais, sobre a "inminente" chegada do AVE a Galiza prevista para os últimos meses de 2021, Sánchez afirmou que suporá "un antes e un despois na historia de Galiza e de toda España".

Estes "dous fitos" enmarcounos o presidente español na folla de ruta do Goberno de España para "liderar o camiño da recuperación da man dun Ano Santo Xacobeo que é especial". Xunto a iso, mencionou a cohesión territorial como "un dos enormes retos" do actual século.

A AP-9, cuxas obras comezaron na década dos 70, percorre a fachada atlántica da Galiza entre Ferrol e a fronteira portuguesa, suma 178 quilómetros e pertence a Itínere, un consorcio propiedade de diversos fondos de investimentos europeos e norteamericanos. A estrada aparece como unha das vías de xestión privada máis rendíbeis do Estado, até o punto de que a concesionaria espera uns beneficios de 9.561 millóns de euros até 2048, ano de remate da autorización administrativa de explotación da vía. A duración da concesión é tamén un caso único no Estado español, até sumar 75 anos como estrada de pago, tras diversas renovacións do tempo de aproveitamento aprobadas polo Estado.

Acordo

A mediados do pasado mes de xuño, o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclamaba de novo que se cumprise o acordo de investidura asinado entre PSOE e BNG e, desta maneira, se aplicasen as bonificacións nas portaxes da AP-9 e se liberrase o tramo Vigo-Redondela.

O citado acordo estabelecía a rebaixa de 100% nas portaxes da autoestrada do Atlántico para persoas usuarias recorrentes, a absorción por parte dos Orzamentos Xerais do Estado do incremento de 1% anual acumulativo durante vinte anos previsto nos convenios de 2011 e 2013 e aínda a eliminación da portaxe no tramo Vigo-Redondela. 

Comentarios